76 estudantes compiten no campus vigués na IV Olimpíada Galega de Bioloxía
Este venres dende ás 11.00 horas na Facultade de Bioloxía
A Facultade de Bioloxía acollerá este venres 16 de xaneiro a IV Olimpíada Galega de Bioloxía organizada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, as tres universidades galegas e a Xunta. “É para a Universidade de Vigo, en especial para a Facultade de Bioloxía, unha honra albergar un certame coma este”, declara o decano do centro, Pedro Pablo Gallego. É o primeiro ano que estas olimpíadas se celebran na cidade olívica, “un evento que supón unha oportunidade importante para darnos a coñecer en todos os recunchos de Galicia, dende Burela ata a fronteira con Portugal”, subliña Gallego, “pois o 80% dos estudantes desta facultade son da provincia de Pontevedra” engade.
As Olimpíadas de Bioloxía lévanse celebrando dende hai catro anos. Na pasada edición participaron un total de 62 alumnos e “este ano o comité organizador seleccionou a 76 estudantes de segundo curso de Bacharelato de toda a comunidade”, sinala Pedro Nozal, delegado da olimpíada en Galicia. Procedentes maiormente de Vigo, Coruña e Santiago pero tamén de Pontevedra, Ourense, Carballo, Padrón, Narón, Cambre, A Guarda, Lalín, Forcarei e Burela, “son todos eles ilustres alumnos, cunha nota media na materia de Bioloxía de 9,3 e un expediente de 8,8”, explica Nozal.
Unha xornada científico-divulgativa
De Vigo sairán os tres finalistas que competirán logo a nivel nacional, optando a acadar a participación nas Olimpíadas Internacional e Iberoamericana, pero para chegar ata ese punto o primeiro a superar é a Olimpíada Autonómica ou fase local. Esta etapa consistirá na resolución dunha proba teórica tipo test e outra práctica sobre os contidos da materia de Bioloxía impartidos ata o momento no Bacharelato.A xornada iniciarase coa recepción dos 76 participantes ás 11.00 horas e a continuación dará comezo o exame escrito que se prolongará ata ás 13.00 horas. Despois dun pequeno receso, proseguirase coa proba práctica “que consistirá na visualización dunha serie de diapositivas que os alumnos deben recoñecer”, comenta Gallego. Logo do xantar, profesores de diferentes áreas levarán aos estudantes nunha visita guiada por algúns dos laboratorios da facultade “para que os mozos entren en contacto coa biodiversidade microbiana, animal e vexetal”, explica o decano quen, de seguido, impartirá o relatorio O reto de Boloña no cal exporá “que é e que non é Boloña” sinala, “pois ante o conflito creado actualmente na sociedade debido á falta de información veraz é necesario abranguer o tema” engade. Gallego comentará os diferentes puntos desta declaración “intentando desmontar os mitos en contra de Boloña”. Para finalizar a xornada, ás 18.00 horas farase a entrega de diplomas aos gañadores nun acto de clausura no que estarán presentes Laura Sánchez Piñón, conselleira de Educación; o reitor Alberto Gago; os decanos das tres facultades galegas de bioloxía; Berta Estrada, inspectora de educación; Mercedes Casal, presidenta do Colexio Oficial de Biólogos; Mª Dolores Bernal, directora do grupo de traballo Bioloxía selectividade e Pedro Nozal.
Ademais do título acreditativo, os tres premiados recibirán tamén unha cámara fotográfica, unha axuda de 600 euros ao matriculárense na universidade elixida e o traslado e a estancia na fase nacional.
A competición continúa nas Illas Canarias
O certame en si complétase con dúas etapas máis. Aos clasificados nos tres primeiros postos corresponderalles representar a súa Comunidade Autónoma na fase nacional, que se celebrará na Palma de Gran Canaria do 26 ao 29 do vindeiro mes de marzo. Esta consistirá tamén nunha sesión práctica e outra teórica con preguntas de tipo A (teste con múltiple elección) e B (relación de dous grupos de conceptos, debuxos...). Aos premiados nesta segunda fase entregaráselle un diploma, material de laboratorio e a asistencia subvencionada á seguinte etapa.Finalmente, os catro primeiros gañadores nacionais formarán parte do equipo olímpico de España na Olimpíada Internacional de Bioloxía, e os catro seguintes farano na Olimpíada Iberoamericana. A primeira delas celebrarase no mes de xullo na localidade xaponesa de Tskuuba e a segunda en setembro, de novo na Palma de Gran Canaria.