Con Biofabricación e Internet das Cousas (IoT) como principais novidades
Aberta a preinscrición para 64 títulos de mestrado nos tres campus
As persoas interesadas teñen de prazo ata o domingo día 7 para anotarse
A Universidade de Vigo acaba de abrir a preinscrición nos mestrados para o vindeiro curso académico, unha oferta composta por 64 títulos e 1733 prazas nos tres campus, na que as grandes novidades pasan polo Máster en Biofabricación, adscrito ao Centro de Posgrao e Formación Permanente, e Internet das Cousas (IoT), dependente neste caso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o vindeiro domingo, 7 de xullo.
O campus no que se ofertan máis titulacións é o de Vigo, con medio cento de títulos, seguido do de Ourense con 18 e Pontevedra con 13, se ben hai que ter en conta que hai títulos que se imparten nos tres campus, como é o caso do mestrado en Avogacía e Procuradoría e o de Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas -con diferentes especialidades-.
Novos títulos para ámbitos cunha importante proxección de futuro
As grandes novidades da oferta de mestrados para o vindeiro curso, Biofabricación e Internet das Cousas (IoT), pasan ambas as dúas polo ámbito tecnolóxico. Con participación das tres universidades públicas galegas en ambos títulos, a implantación destes mestrados responde a unha necesidade estratéxica da comunidade autónoma de Galicia de formar a profesionais en ámbitos de coñecemento incipientes e cunha importante proxección de futuro, e en sectores económicos cun potencial de crecemento relevante e con demanda laboral crecente.
Coordinado na UVigo polo catedrático Pío González, o Mestrado de Biofabricación corre a cargo dun grupo interdisciplinar de persoal docente e investigador de diversos ámbitos do coñecemento (enxeñaría, bioloxía, farmacia, medicina etc.), asociado a grupos de investigación de referencia en Galicia e vinculados aos tres institutos de investigación sanitaria e a centros de investigación singulares de Galicia. Desta forma, este máster conxunto proporcionará unha formación interdisciplinar, que aproveita todo o potencial das infraestruturas máis punteiras existentes en Galicia que traballan no ámbito da biofabricación, bioimpresión, enxeñaría de tecidos e medicina rexenerativa. Na UVigo ofértanse un total de sete prazas.
No caso do Mestrado en Internet das Cousas (IoT), coordinado polo profesor da UVigo José Carlos López Ardao, ofrece unha especialización que non existía ata este momento en Galicia, achegando unha visión de conxunto e en profundidade do ámbito de IoT, unha das áreas tecnolóxicas de maior crecemento na actualidade. Ofrécense un total de 10 prazas e a idea é que as persoas matriculadas aprendan os coñecementos necesarios para deseñar, configurar, integrar e manter sistemas de interconexión dixital de obxectos e persoas que actúen de maneira autónoma e intelixente, xerando información útil para a toma de decisións.
Prazos
A preinscrición manterase aberta ata o 7 de xullo, á excepción do Mestrado Universitario en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, que pechou o seu prazo de preinscrición o pasado 30 de xuño. A listaxe provisional de persoas admitidas farase pública o xoves 18 e, a continuación, abrirase un período de reclamacións -do 19 ao 21-, e a listaxe definitiva coñecerase o mércores 24. O período oficial de matrícula será do 26 ao 29 de xullo.
De quedar prazas libres, convocarase un segundo prazo de preinscición (do 23 ao 28 de agosto) e, de ser o caso, un terceiro prazo (do 23 ao 25 de setembro). Na páxina web da UVigo, a través da cal se realiza a preinscrición, está dispoñible toda a información relativa á oferta de títulos, requisitos, procedementos e prazos.