DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os interesados poderán elixir entre 18 cursos

Actividades para todos os gustos no programa de obradoiros do segundo cuadrimestre

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 25/02/2008

Coa estrea do segundo cuadrimestre chega a nova programación dos obradoiros que dende marzo ata o remate de curso terán lugar no campus. En total, 18 propostas para todos os gustos das que seis son novidade e que abarcan dende a maxia ás técnicas de benestar emocional. Os cursos están dirixidos ao público en xeral e o prazo de inscrición xa está aberto e rematará o vindeiro 7 de marzo.
Entre os obradoiros que se imparten por primeira vez, os interesados poderán elixir relaxarse coa técnica milenaria do Qui Gong que busca conxugar o benestar físico e emocional ou aprender xogos para todas as idades no curso de Animación no tempo libre. Pero si en vez de evadirnos o que queremos é enganar á realidade mediante trucos poderemos facelo grazas aos obradoiros de Maxia e Ilusionismo ou de Efectos especiais para cine e televisión.
Tamén a Cruz Vermella da cidade participará impartindo dous novos cursos: o de Primeiros Auxilios para socorrer en casos de emerxencia e o de Cooperación Internacional, para coñecer experiencias de participantes en distintos proxectos humanitarios.
Ademais, á marxe destas novidades e avalados polo éxito de anteriores edicións, volven unha serie de cursos como son o de Coro, Folclore: gaita e pandeireta, Cerámica, Sexualidade, Cultura exipcia, Supervivencia, técnicas de escalada e rápel, Informática, Photoshop, Habilidades de comunicación, Intelixencia emocional, ou o Obradoiro sobre Persoas con discapacidade física. Por último tamén se celebrarán as tradicionais aulas de teatro universitario nos diferentes niveis: Rosaura, Cordelia e Maricastaña, nos que se prepararán diferentes montaxes para a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense MITEU.

Xa está aberto o prazo de matrícula

Para matricularse en calquera destes cursos de extensión, os interesados deberán acudir antes do 7 de marzo ás oficinas de Rexistro ou ao LERD na Unidade Administrativa para encher o formulario e facer o ingreso correspondente en calquera sucursal de Caixanova. O prezo dos cursos será de 40 euros para o público en xeral, 30 para os membros da comunidade universitaria, e 20 para os bolseiros, excepto o de Coro que é gratuíto.

Programación de obradoiros