DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto de graduación de Tradución e Interpretación convértese nunha reivindicación da dignidade da súa profesión

95 novos titulados da 14ª promoción recibiron as súas bandas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 29/05/2009

Co salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución ateigado, o acto de graduación da 14ª promoción da licenciatura en Tradución e Interpretación converteuse nunha firme reivindicación da dignidade e do futuro da súa promoción. Tanto a decana como o resto dos representantes do centro, así como encargado da lección maxistral, o tradutor Xosé Castro, coincidiron en salientar que a de tradutores é unha profesión digna, con altas expectativas de inserción laboral e da que “se pode vivir moi ben”, salientou Castro. Pola súa banda, a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, amosouse ilusionada por asistir a unha nova graduación “nun centro no que son docente e do que fun alumna, pero envexo o voso potencial e as vosas ansiar de comervos o mundo”.

Unha profesión de futuro

En total, 95 estudantes recibiron as bandas que os acreditan como licenciados e lles abren a porta ao mercado de traballo “que non vos debe meter medo, porque a facultade é un primeiro paso que vos capacita para exercer a vosa profesión”, explicáballes Xosé Castro a través dun vídeo. O tradutor animouvos na súa nova etapa e salientou que para ser bos tradutores “precisades aptitude e actitude. A primeira tédela grazas aos vosos estudos; agora toca ter actitude, valorarvos a vós mesmos como profesionais e convencervos da importancia que ten o papel do tradutor para a sociedade”. Segundo explicou, “para que os vosos familiares presentes entendan tamén a que vos ides dedicar”, moitos dos libros ou películas que marcaron a vida de cada un de nós “na súa maioría pasaron polas mans de algún tradutor”.
Neste sentido incidiu tamén o padriño da nova promoción, Xoan Montero, profesor de Tradución Audiovisual e Dobraxe, que explicou aos presentes, cun pequeno vídeo humorístico, como os guións de películas ou series son intelixibles para todos grazas aos esforzo destes profesionais. Frases míticas de longametraxes como Terminator ou Instinto Básico ou de serie de animación que marcaron infancia de moitos como Bolas do Dragón “chegaron aos nosos oídos previo paso polos tradutores”.
E pese á crise, as autoridades académicas perfilaron un futuro prometedor, “porque somos transmisores de cultura e temos a sorte de que o noso traballo diario fainos máis cultos e mellores persoas”, puntualizou Castro. O director do Departamento de Tradución, Luis Alonso Bacigalupe, animounos tamén da dar este salto confiando na súa preparación “marchades de aquí con algunha cousa aprendida e vinte ou trinta anos despois rememoraredes este momento e lembraredes algo máis que os malos momentos que vos fixemos pasar”.

As familias e amigos, sempre presentes

Como grandes apoios dos estudantes, os pais e nais e os amigos presentes recibiron tamén os parabéns dos responsables do centro e, para eles, a vicerreitora pediu un aplauso. A decana, Rosa Pérez, coincidiu tamén en destacar o papel das familias e amosouse satisfeita de que “durante cinco anos esta fosa a segunda casa dos vosos fillos”.
Tamén os representantes dos alumnos, nunha intervención emotiva pero cargada de humor, deron as grazas aos familiares. Tras facer un percorrido polas anécdotas e os mellores momentos destes últimos anos, con poema incluído, deron paso a un resumo fotográfico deste tempo, do que destacaron sobre todo, as experiencias de mobilidade das tomaron parte a maior parte dos novos titulados. E é que a Facultade de Filoloxía e Tradución é ano tras ano a que máis estudantes da Universidade de Vigo envía ao estranxeiro.<