DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración do ciclo Universium

Adán revela que un 80% dos 350 homes que solicitaron as axudas á conciliación, pertencen á empresa privada

A secretaria xeral de Igualdade ofreceu un relatorio sobre Feminismo e cidadanía

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 05/11/2007
Mª del Carmen Echevarría | Vigo
A secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, confirmou que ata finais da pasada semana un total de 350 homes solicitaron as axudas para a conciliación da vida familiar e laboral impulsadas pola Vicepresidencia da Xunta. Adán destacou que do total das solicitudes recibidas un 80% pertencen a traballadores da empresa privada e non funcionarios, como en un principio se puidera supoñer. Aínda que a secretaria xeral considera que por parte da administración autonómica se están a dar pasos cara á corresponsabilidade, permitindo que os homes saian do público e entren no privado, “é posible que non sexamos o bastante imaxinativos para lograr os obxectivos que perseguimos”.
Carmen Adán realizou estas declaracións no transcurso da súa intervención na inauguración do ciclo Universium, no que presentou un relatorio titulado Feminismo e cidadanía que iniciou recordando os conceptos de feminismo, teoría feminista e políticas de igualdade. O concepto de cidadanía e a exclusión, xa desde a Grecia clásica, da muller e a súa posterior inclusión, aínda que baseada nun falso universalismo, na época da Ilustración, foi outra das cuestións abordadas por Adán no seu relatorio, no que proseguiu cun repaso ás políticas de igualdade que desde hai case tres décadas se desenvolven en Europa e que finalmente desembocaron na chamada “mainstreaming de xénero” ou transversalidade.

Os perigos da conciliación

Neste punto a secretaria xeral de Igualdade avogou pola desaparición do falso universalismo e das diferenzas entre o público e o privado, aínda que mantendo a esfera do íntimo. Carme Adán, considera ademais que “hai que contextualizar os debates sobre políticas públicas .de xeito que estas se fagan para as mulleres e contando con elas”. Neste sentido pediu as feministas que permanezan alerta no proceso de elaboración dos indicadores de xénero, evitando que se fale só de conciliación de mulleres e non de homes, ao tempo que advertiu do perigo que considera entraña que a conciliación só se refira ao traballo eu non a outras cuestións como a realización persoal ou a educación dos fillos.
Adán que rematou a súa intervención afirmando que a xestión do tempo é un gran problema do século XXI, avogou pola “construción de novos espazos de interrelación”.

Contra a desigualdade

Foi o vicerreitor de Relacións Institucionais o encargado de presentar á secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, da que destacou o seu extenso, currículo centrado no estudo do feminismo e moi especialmente a súa relación co coñecemento. Iván Area non deixou pasar a ocasión para lembrar o compromiso da Universidade de Vigo coas accións orientadas á eliminación das desigualdades, como as cátedras de Estudos Feministas ou o Programa Oficial de Posgrao en Estudos de Xénero.
Pola súa banda a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes destacou a dimensión simbólica que ten a participación do Parlamento de Galicia neste ciclo de conferencias, posto que “ é a institución que representa a todos os galegos e galegas”, afirmou María del Carmen Cabeza. A vicerreitoria que lembrou que Universium nacera co obxectivo de ser un instrumento de análise das singularidades da sociedade contemporanea, destacou a vocación que o ciclo ten de “provocar o debate, o pensamento e a reflexión”.

Un Parlamento aberto á cidadanía

Pola súa banda a presidenta do Parlamento de Galicia aludiu no seu discurso inaugural á ambición da institución de promover unha cidadanía activa que garanta a mellora da calidade democrática. “Motivo”, afirmou Dolores Villarino, “polo que resulta oportuna e mesmo necesaria a participación da institución autonómica no ciclo de conferencias Universium que hoxe comeza baixo o título O espectro político hoxe: ilustración e barbarie. A presidenta do Parlamento que cualificou o ciclo de ambicioso e oportuno, considera que a temática proposta “afronta de cheo a dicotomía da política entendida, por unha banda, como razón de ser do home e da muller nunha sociedade construída sobre a base da palabra, e pola outra, como a administración que afecta coas súas decisións aos cidadáns”. Villarino que lembrou que a intención do Parlamento é abrirse á cidadanía e contribuír ao medre do ensino universitario, afirmou que “a razón de ser deste ciclo é ofrecer unha visión real dos problemas do mundo actual e as súas solucións”.

Universium continúa

As conferencias continuarán o mércores coa intervención do profesor de Filosofía da Universidade Carlos III de Madrid, Carlos Thiebaut Louis-André que falará sobre Política e identidade.Thiebaut será presentado pola vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Tareixa Paz.
Antonio García Santesmases, Alberto Moreiras, Felipe Martinez Marzoa e Joaqúin Estefanía completan a relación de conferenciantes que intervirán no ciclo Universium.