DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 30 de abril na Sala X

Alice Geirinhas e Pedro Valdez expoñen nas súas obras unha visión crítica do mundo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 13/03/2009

Unha mirada á condición da muller, á situación mundial e unha recreación de dúas obras senlleiras da historia da arte que agochan unha crítica sociopolítica únense na nova exposición da Sala X da Facultade de Belas Artes. Desta vez, dous artistas portugueses, Alice Geirinhas e Pedro Valdez, son os protagonistas deste espazo expositivo e amosarán as súas obras ata o vindeiro 30 de abril.
Catro paneis de tela de plástico, a mesma que se emprega na publicidade exterior que colga de moitos edificios, con impresións dixitais integran a proposta de Alice Geirinhas. A mesma figura está presente en cada un dos paneis e “a través dos seus ollos”, explica a artista, “lemos unha historia que nos leva aos catro puntos cardinais: Norte, Sur, Oriente e Occidente”. Os cadros complétanse cunha poesía visual e anagramas que recollen nomes como o de Grudun Ensslin, unha das fundadoras do grupo terrorista alemán Facción do Exército Vermello ou o da etarra Bakartxo Arzelus. En conxunto, a serie de Geirinhas pretende “cuestionar o que está pasando no mundo” como ela mesma explica, ao tempo que propón unha reflexión sobre a muller. Non en van a serie leva por título, Ce sex, en referencia á obra Ce sexe qu’en est pas un da feminista Luce Irigaray, sobre a que Geirinhas realizou a súa tese de doutoramento.
Pola súa parte, Valdez amosa nas súas obras un notable barroquismo e constrúe con plástico e teas complexas pezas escultóricas que recrean feitos da cotidianeidade ou da historia de arte, como os presentados na Sala X: a do oficial dos húsares de Theodore Gericault e a Ofelia aboiando nas augas, de Jean Millet. Valdez recrea estas pezas en plástico negro, de tal xeito que o resultado é como se o petróleo dunha marea negra tivese somerxido esas dúas escenas. O resultado fai agromar reflexións políticas, ambientais, culturais e sociais e fondo calado.

Unha combinación perfecta

O responsable da Sala X, Xosé Manuel Buxán, foi quen tivo a idea de xuntar nun mesmo espazo e tempo a obra de Geirinhas e Valdez. É a primeira vez que expoñen xuntos pero os seus compañeiros portugueses comentaron a “boa vista” de Buxán ao facelos coincidir nunha mesma mostra pola complementariedade das súas propostas.