Profesorado de Ciencias desenvolve un proxecto destinado a fomentar un consumo responsable
Alimentando un futuro sostible a través da formación
Participaron estudantes, asociacións de veciños e persoas con diversidade
Baixo o título Alimentando un futuro sostible, profesorado e alumnado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense desenvolveu este curso académico un proxecto destinado a fomentar un consumo alimentario responsable. Nel, diferentes colectivos, como escolares, asociacións de veciños e persoas con diversidade, concienciáronse do impacto que ten no medio ambiente a súa alimentación.
A iniciativa foi unha das seleccionadas na convocatoria de proxectos de aprendizaxe servizo 2023/2024 no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Universidade de Vigo. Coordinada pola profesora da Área de Tecnoloxía de Alimentos Sidonia Martínez, o proxecto contou coa participación dun amplo panel de persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias (estando Aloia Romaní, Beatriz Gullón, Francisco Javier Carballo, Pablo García del Río e Pedro Miguel Ferreira) e alumnado de diferentes materias dos graos deste centro. As entidades/colectivos participantes foron o IES Eduardo Blanco Amor de Ourense; o Centro Integrado de Formación Profesional a Carballeira-Marcos Valcárcel; a Asociación Down Ourense e a Asociación Veciñal Rabo de Galo, agradecendo desde a organización do proxecto a boa acollida que deron a esta proposta.
A produción de alimentos, explican desde a organización do proxecto, é unha das actividades que máis afecta ao medio ambiente, lembrando que unha terceira parte da produción mundial de alimentos pérdese ou vai parar ao lixo. Neste contexto, detallan, “o noso proxecto quixo dar a coñecer a diferentes sectores da poboación a orixe e a forma de procesado dalgúns alimentos e a xeración de residuos/desperdicios e a súa repercusión sobre o medio ambiente”. A finalidade última, engaden, foi contribuír a que estes colectivos sexan capaces de decidir que alimentos consumirán e integrarán na súa cesta da compra, cales deben seleccionar en base á súa calidade e proximidade e tamén que poidan decidir que prácticas son máis correctas para a saúde do planeta, evitando o mal gasto alimentario.
Aprendizaxe compartida
Para participar no proxecto, que acaba de rematar, elixiuse un público non especializado, concretamente grupos pertencentes a diferentes sectores da poboación (como adolescente, maiores e persoas con diversidade) que “reciben escasa información sobre hábitos de consumo saudable e respectuosos co medio ambiente”. Con estes colectivos e tendo en conta as características de cada un, deseñouse un programa de charlas, obradoiros e visitas que se desenvolveu tanto nas entidades participantes como no campus de Ourense e nas que as e os participantes tiveron a oportunidade de adquirir coñecementos sobre materias primas, almacenaxe, procesado e produción de alimentos e valorización de residuos e o seu impacto sobre a contorna. Tamén recibiron información sobre os procesos de produción e aprenderon a valorar as consecuencias que a xeración de residuos de alimentos ten sobre o desenvolvemento sostible e o cambio climático. Non faltaron na programación os talleres prácticos nos laboratorios da Facultade de Ciencias e os de compostaxe na asociación de veciños participante.
A aprendizaxe derivada desta actividade non só foi útil para os colectivos implicados senón tamén para o alumnado das diferentes materias da Facultade de Ciencias que participaron no proxecto. Elas e eles tamén desenvolveron diferentes competencias, tanto xerais, como o traballo en equipo, como específicas, en relacións aos contidos científicos abordados.