DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia de Juan Manuel Capellín, capitán enxeñeiro do Exército do Aire e do Espazo

Alumnado de Aeroespacial achégase ás capacidades actuais e desafíos de futuro no sector dos drons

A actividade formou parte da programación do Foro Aero

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 04/04/2025

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebrou este xoves pola tarde unha nova sesión do seu ciclo de conferencias Foro Aero, que nesta ocasión contou coa colaboración do Exército do Aire e do Espazo e da Subdelegación de Defensa de Ourense. A sesión levou por título Drons: capacidades actuais e desafíos do futuro e foi ofrecida por Juan Manuel Capellín, capitán enxeñeiro do Exército do Aire e do Espazo (Ministerio de Defensa).

“Nestes momentos o crecemento tecnolóxico que se está experimentando nun grande abanico de sectores incrementou a necesidade de enxeñeiros de todo tipo. En particular, para determinadas tecnoloxías os enxeñeiros aeroespaciais, enxeñeiros informáticos e especialistas en Intelixencia Artificial teñen un plus de empregabilidade en grandes empresas, startups e tamén no exército”, sinalan desde a organización do evento. Na actual situación xeopolítica, engaden, a industria española de defensa tamén busca o impulso a programas de investigación e desenvolvemento nas tecnoloxías de defensa con aplicacións duais.

Neste marco de traballo, na conferencia afondouse nos retos dos sistemas aéreos non tripulados ou RPAS (Remotely Piloted Aircraft System). Presentado por Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo, o acto, que tivo lugar no Edificio de Ferro, contou coa asistencia de, ademais de alumnado e profesorado do campus, de autoridades como o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.