A Biblioteca Central do campus, a de Caixanova e a Municipal Central abrirán sábado e domingo
O alumnado disporá de máis postos de lectura nas fins de semana no campus e no centro da cidade
Entre o 30 de maio e o 21 de xuño
O alumnado da Universidade de Vigo disporá a partir da vindeira fin de semana dun maior número de postos de lectura para preparar os exames de xuño, tanto no campus vigués como no centro da cidade. Froito das negociacións desenvolvidas entre Caixanova, o Concello de Vigo e a Universidade de Vigo, a partir do sábado 30 de maio e ata o domingo 21 de xuño, permanecerán abertas de 9.00 a 22.00 horas os sábados e de 9.00 a 21.00 o domingo a Biblioteca Central do Campus Lagoas Marcosende, mentres que a Biblioteca do Centro Cultural Caixanova (r/ Policarpo Sanz, 13) abrirá sábados e domingos de 9.00 a 21.00. Pola súa banda a Biblioteca Municipal Central (r/ Joaquín Yañez, 6), tamén ampliará o seu horario nas fins de semana para atender as necesidades do alumnado.
A apertura das tres bibliotecas permitirá poñer a disposición do estudantado máis de 700 postos de lectura durante catro fin de semanas consecutivos, nos que as bibliotecas permanecerán abertas, tanto os sábados como os domingos.
No caso da Biblioteca Central do campus de Vigo coa finalidade facilitar o acceso do alumnado, VITRASA ampliará o horario da liña 8, Universidade- Porto- Areal, do 30 de maio ao 21 de xuño, axustándose aos horarios de apertura e peche da biblioteca. Así os sábados saíran autobuses do Areal cada hora entre as 8.00 e ás 15.00 ademais das 17.00, 19.00 e 21.00 horas, mentres que da Universidade partirán cada hora entre as 9.05 e as 14.05 e ás 16.05, 18.05, 20.05 e 22.05. Os domingos as saídas desde o Areal serán as habituais da liña cunha adicional ás 9.00. En canto ao horario de regreso establécese un servizo adicional ás 21.15.
Horarios ampliados no resto de bibliotecas centrais da Universidade
A apertura da Biblioteca Central do campus de Vigo nas vindeiras fins de semana, súmase á ampliación de horarios que xa está en vigor no resto de bibliotecas dos campus. Así ata o 19 de xuño tanto as bibliotecas centrais dos campus de Ourense e Pontevedra, así como a de Torrecedeira en Vigo, permanecen abertas os sete días da semana ata as 3.00 da mañá, de luns a venres. En canto ás fins de semana, tanto sábados como domingos, o alumnado pode utilizar as instalacións, ata o 14 de xuño, entre as 8.00 da mañá e as 22.00 horas..Ademais no caso da Biblioteca de Torrecedeira por segundo ano consecutivo ampliou o seu número de postos de lectura coa apertura de dúas aulas que poden ser ocupadas polo estudantado.