A 24ª edición deste simposio celebrouse este venres na sede de Torrecedeira da EE Industrial
Alumnado das enxeñarías presenta 18 proxectos no Congreso de Traballos Colaborativos
Propoñen solucións para retos relacionados coa saúde, a seguridade, a sostibilidade ou a mobilidade
Ao longo da mañá deste venres, máis dun cento de estudantes de graos de enxeñaría do campus de Vigo presentaron, no marco da 24ª edición do Congreso de Traballos Colaborativos, preto dunha vintena de proxectos que tratan de dar resposta a retos e demandas da sociedade.
Esta iniciativa docente naceu hai 12 anos impulsada polos profesores da Escola de Enxeñería Industrial José A. Alonso Rodríguez, José L. González Cespón e Lucia Díaz Vilariño co obxectivo de fomentar o intercambio de coñecementos, experiencias e proxectos entre as futuras e futuros profesionais así como sensibilizalos sobre os desafíos e oportunidades que formula a sociedade actual. Neste tempo, e con dúas edicións por curso, foise consolidando como “un piar fundamental na formación interdisciplinaria do estudantado, fomentando a colaboración entre diferentes titulacións e facultades”, como destacan os seus impulsores. Dende a súa creación, engaden, o CTC proporcionou unha plataforma única para que alumnos e alumnas compartan as súas investigacións e proxectos, desenvolvendo habilidades esenciais para o seu futuro profesional. “Moitos dos nosos egresados e egresadas destacan a importancia desta experiencia n súa traxectoria profesional, sinalando que lles permitiu adquirir competencias clave como traballo en equipo, a comunicación efectiva e resolución de problemas complexos”, engaden.
Unha edición con 117 estudantes e 18 proxectos
Esta edición, marcada pola innovación e a sostibilidade, reuniu a 117 estudantes de cinco graos diferentes, coa colaboración de nove profesores de diversas titulacións. Durante os últimos meses, e divididos en grupos multidisciplinares, as e os alumnos foron desenvolvendo as súas ideas ata deseñar unha proposta que este venres presentaron en público nunha contorna de aprendizaxe e crecemento, na que se valorou especialmente a innovación e a creatividade dos traballos.
Os proxectos presentados, un total de 18, abordan problemas actuais achegando solucións creativas e tecnolóxicas. Entre os temas tratados, a xestión de residuos en eventos, a redución do desperdicio alimentario, a prevención de estafas telefónicas ou a mellora da mobilidade. Tamén se presentaron traballos relacionados coa saúde, como un medidor intelixente de glicosa ou unha App para fomentar a práctica deportiva e, sobre todo, relacionados coa seguridade en diferentes eidos. Por exemplo, o alumnado presentou propostas sobre localización de persoas no mar, seguridade dos percebeiros, melloras na seguridade viaria e na condución nocturna, etc. Ademais, tamén se puideron coñecer propostas relacionadas co control da avespas velutinas, coas zonas de baixas emisións ou o transporte entre o campus e a cidade.
O profesorado participante nesta iniciativa, que forma parte de RED I+S, un grupo de innovación educativa da UVigo, destaca que “iniciativas como unha App de prevención de estafas telefónicas ou reloxo RescaT demostran o potencial da tecnoloxía para mellorar a seguridade e a calidade de vida”. Tamén poñen en valor que no congreso se abordaron temas relacionados coa sostibilidade a través de propostas como a Cociña sostible ou unha rede colaborativa para reducir o desperdicio de comida. “A participación activa dos estudantes e a colaboración entre facultades subliñan a importancia da cooperación e a creatividade na educación superior”.