Din os membros da
asociación Cuco –Comité Universitario do Campus de Ourense- que, na actualidade, son moitas as necesidades do alumnado pero recoñecen que se deben sinalar unha esta é o futuro laboral que lles agarda aos novos titulados. Segundo explica o presidente do colectivo, Jonathan Domínguez, “vivimos nunha situación de crise económica e esta realidade está a fomentar o medo dos estudantes ao seu futuro no eido laboral”, declara. De aí que as súas peticións aos candidatos a reitor nas eleccións do 20 de maio se resuman en dous apartados de igual interese: máis prácticas profesionais e un maior achegamento da Universidade á sociedade e ás empresas. Así se recolle nun programa máis amplo que os membros de Cuco fixeron chegar aos dous candidatos a reitor e no que se contemplan tamén as propostas do colectivo para combater o que consideran “unha deficiencia no eido formativo”. Na súa opinión e segundo explica Jonathan Domínguez, “o máis importante é incluír nos plans de estudos unha maior formación práctica a medida que o alumnado vaia adquirindo coñecementos e non só nos últimos anos de carreira”. Dende o colectivo consideran “fundamental” que os estudantes se acheguen pronto ao mundo laboral “para adquirir a experiencia necesaria que lles permita desenvolver despois un traballo”. A sinatura de convenios con empresas nacionais ou do estranxeiro e un maior achegamento á sociedade son outras propostas da asociación para avanzar nesta liña.
Axilizar e simplificar os trámites burocráticos
O programa de peticións que a asociación Cuco vén de enviar aos dous candidatos a reitor é o resultado dunha serie de campañas e asembleas desenvolvidas polo colectivo para recoller as inquedanzas do estudantado do campus. Entre as medidas que consideran que o novo reitor debería por en marcha dun xeito máis inmediato figura a axilización e a simplificación dos trámites burocráticos aproveitando as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías. Outra proposta do colectivo é a información. Segundo o seu presidente, “clarificar e unificar toda a información é importante e básico para aforrar tempo e que os alumnos estean permanentemente informados de todo o que ocorre na Universidade”, declara. O colectivo cualifica tamén de “urxente” a posta en marcha polo novo reitor de medidas que fomenten a participación e o voluntariado para facilitar a creación de máis asociacións que loiten polos dereitos dos estudantes.
Preocupación do alumnado polo voto electrónico
Outra das preocupacións que o colectivo Cuco formula cara ás eleccións do 20 de maio ten que ver coa implantación do voto electrónico nas eleccións a catro consellos de departamento. Os membros de Cuco cren que esta decisión vaille supor ao alumnado moitas dificultades xa que segundo explica Jonathan Domínguez, “ademais de ter que votar en tres mesas no mesmo día agora teremos que votar nunha delas dun xeito electrónico cos conseguintes problemas, xa que non todos os estudantes dispoñen de carné de identidade ou incluso da tarxeta universitaria co que poderían quedar sen votar”. Dende a asociación Cuco matizan que eles non están encontra da implantación do voto electrónico nin do avance tecnolóxico,ainda que manifestan o seu desacordo coa implnatación deste sistema "repentinamente, a un mes das eleccións”, sinalan.