DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentarán a peza este domingo, 19 de outubro, na Praza do Rei da cidade olívica

Alumnas de Belas Artes crean un milladoiro que representa o Encontro de Mulleres en Vigo

A obra consiste nunha escultura feita con 66 sandalias de bronce

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 17/10/2008

Tres alumnas da Facultade de Belas Artes, Ana Gesto, Ada Adriana García e Marta López, presentarán este domingo un milladoiro contemporáneo que elaboraron como símbolo do VII Encontro Internacional da Marcha Mundial de Mulleres que se está a celebrar estes días en Vigo.
A escultura circular, feita con 66 sandalias de bronce e de 7 metros de diámetro, representa a xuntanza e o camiño común, do mesmo xeito que durante séculos os celtas deixaban pedras na ruta para dignificala e protexela. Posteriormente e continuando esta tradición os peregrinos que acudían a Santiago de Compostela ou a San Andrés de Teixido depositaban pedras nun montículo denominado milladoiro. Segundo explica unha das autoras da escultura, Ana Gesto, “o deseño da obra representa a feminidade das mulleres a través das sandalias, pero ao mesmo tempo o bronce evoca a gran forza que durante anos uniu a estas persoas”. Ademais, a artista engadiu que “as tiras das sandalias e a súa base, que lembra ás zocas tradicionais galegas, fan eco da nosa cultura pero tamén de moitas outras que empregan este tipo de símbolos”.
A obra colocarase permanentemente na praza que se está habilitando detrás do edificio do concello vigués, pero será presentada este domingo, 19 de outubro, na Praza do Rei da cidade xunto a unha performance na que participarán as delegadas dos distintos países que acudiron ao encontro.

O grupo Nut Teatro e a artista Ugía Pedreira participan na performance

Para a presentación do milladoiro, as alumnas de Belas Artes prepararon unha performance na que participarán 66 delegadas de outros tantos países. Cada unha trouxo unha pedra do seu lugar de orixe para ser colocada diante das sandalias que conforman a peza. Por outra banda, contarase coa intervención do grupo Nut Teatro que estará acompañado pola artista Ugía Pedreira. Unha das características que destacan as autoras da performance é a súa proximidade, polo que “Ugía cantará a ras do chan de igual xeito que a escultura non estará colocada en ningunha base nin peana”, subliñou Ana Gesto.

O VII Encontro Internacional da Marcha Mundial de Mulleres

A rede feminista Marcha Mundial das Mulleres realiza cada dous anos este encontro internacional, que reúne a delegadas dos cinco continentes. Nesta ocasión, a sede da xuntanza é Vigo, onde desde o pasado 14 de outubro e ata o vindeiro día 21, terán lugar unha serie de actividades para dar a coñecer e fomentar os valores do encontro. O día da presentación do milladoiro elaborado polas alumnas de Belas Artes, terá lugar a manifestación que recorrerá as rúas da cidade unindo os desexos chegados dos cinco continentes de cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo.
O VII Encontro Internacional da Marcha Mundial de Mulleres conta coa participación de máis de 40 países e coa presenza de novos militantes de cada delegación, co obxectivo de permitir que as novas xuventudes desenvolvan un sentimento de pertenza cara aos valores da Marcha, que participen nos procesos de toma de decisión e aseguren o intercambio de experiencias e de coñecementos interxeracionais.