DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A asociación agrupa a 15 escolas e facultades de toda España

Un alumno da EUET Forestal preside a Coordinadora de Representantes de Estudiantes de Ingeniería Forestal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 28/04/2009

Aunar esforzos en favor do mundo forestal e coordinar as delegacións de alumnos son os principais obxectivos da Coordinadora de Representantes de Estudiantes de Ingeniería Forestal (CREIF) que, cando menos durante un ano, presidirá a partir de agora o alumno da EUET Forestal do campus, Brais Alonso, despois de ser elixido na última asemblea da asociación, que tivo lugar esta fin de semana na Universidad Politécnica de Madrid. Reactivar a asociación e promover o seu coñecemento entre estudantes e organizacións ou institucións implicadas no mundo forestal son os seus principais obxectivos.
En 2001, cando os estudantes de Forestais e Montes comezaron a ter coñecemento do Plan Boloña a necesidade de organizarse para que a opinión do alumnado se tivese en conta na reforma educativa provocou a creación da CREIF que a día de hoxe agrupa a 15 escolas e facultades de toda España. “Tratouse de buscar as partes positivas para os estudantes e presentáronse reivindicacións ao Ministerio, das que se aceptaron algunhas”, explica Alonso, que xa ocupou os cargos de tesoreiro e vicepresidente. Coa publicacións dos Reais Decretos dos graos a xente “xa non estaba disposta a reunirse para algo que xa estaba establecido e ao que non se lle podía dar volta atrás” e o perfil da asociación decaeu.
A actualización da súa páxina web, “é unha das deficiencias máis graves que ten a CREIF, non como organización pero si de cara á difusión”, encabeza a lista de proxectos que Alonso pensa levar a cabo e servirá ademais, para “reactivar todo o traballo que se fixo porque hai moitas cousas que non están recollidas”. E é que ao longo deste tempo a asociación en conxunto ou a súa delegación pontevedresa ofreceu o seu apoio en momentos críticos para o sector como a vaga de incendios que asolou Galicia no verán de 2006, nos labores de repoboación tralo lume que un ano antes provocou a morte de once membros dun retén de bombeiros en Guadalajara ou na limpeza de chapapote nas costas galegas tralo desastre do Prestige.

Moitos proxectos en marcha

Cando a nova páxina web sirva como punto de encontro das delegacións comezará o traballo de retomar o contacto coas delegacións, directores e decanos para “animar á xente a traballar xa non pola CREIF senón polo mundo forestal”, explica. Xa hai proxectos en marcha, como o establecemento dun premio ao mellor traballo de fin de carreira, financiado polo grupo Tragsa, con quen se están ultimando os detalles da convocatoria ou a promoción de cursos de formación complementaria en software específico como Autocad ou GIS para os estudantes e o mantemento dun concurso anual de fotografía promocionando así unha serie de actividades no día forestal mundial. Retomando o interese pola adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, Alonso tamén planea a organización dun ciclo de conferencias en cada escola “para expoñer as vantaxes e os inconvenientes” desta reforma. Ao mesmo tempo xa se estableceron contactos coa International Forestry Students Association para estudar “vías de colaboración e fomentar os vínculos entre as asociacións e as empresas do sector”.
Madrid, Valencia e a escola da Universidade de Vigo son os núcleos de maior acción e forza de entre os centros españois no marco da CREIF. De feito a delegación pontevedresa estivo presente en 11 das 12 asembleas celebradas e organizou a última reunión sectorial da asociación para a que se contou con axudas da propia escola, da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, de empresas como Ence ou Tragsa ou o Colexio Oficial de Enxeñeiros Forestais e de Montes.