Aplaudiron durante tres minutos no patio central da facultade
Alumnos de BBAA realizan unha acción artística como protesta contra o Plan Boloña
Uns trinta alumnos reuníronse este mércores no patio central da Facultade de Belas Artes para amosar o seu descontento coa implantación do plan Boloña no centro. O acto, convocado polo grupo Anti-Plan a la Bolognesa, consistiu nun aplauso continuado de tres minutos cos que protestaron contra unha situación “previamente planificada, aprobada e ensaiada, como unha representación teatral”.
O centro é un dos primeiros de España en implantar o novo grao que, segundo a organización do acto, conseguiu impoñerse “con grande éxito de público pola falta de opcións e sobre todo de crítica”. Neste símil artístico co mundo teatral o grupo Anti-Plan a la Bolognesa impulsou esta acción “porque os responsables non están saudando e neste teatriño as responsabilidades esvaran duns aos outros”, manifestaron.