DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“Con ilusión e motivación”, afirma

Ana Fernández Pulpeiro incorpórase á fronte da Xerencia da Universidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/01/2008

A nova xerenta da Universidade de Vigo, Ana Fernández Pulpeiro, incorporouse este venres ao seu posto, aínda que será o vindeiro luns cando comece a exercer as súas funcións.
Deste xeito remata un proceso que comezara o pasado mes de novembro coa proposta realizada polo reitor, ante o Consello de Goberno, para que Fernández Pulpeiro exercese á fronte da Xerencia da Universidade. Unha proposta que finalmente obtivo o respaldo do Consello Social, na reunión celebrada o pasado 27 de decembro.
Fernández Pulpeiro recoñece sentirse “moi ilusionada e motivada nesta nova etapa na Universidade de Vigo”. E é que a nova xerenta xa desenvolvera parte da súa traxectoria profesional na institución académica, onde no ano 2002 exercera como directora da Área de Calidade e secretaria do Consello Consultivo da Fundación Universidade de Vigo.

Longo percorrido na función pública

Licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago e máster en Dirección e Planificación Universitaria pola Universidade Politécnica de Cataluña, Ana Fernández Pulpeiro, iniciou a súa traxectoria profesional como técnico de xestión no INSALUD, en Santiago de Compostela.
Directora de xestión e servizos xerais do Hospital Xeral de Galicia e xerente da Universidade de Santiago, foron outros cargos desempeñados por Fernández Pulpeiro, antes de incorporarse á Universidade de Vigo no ano 2002. Desde esa data e ata a súa designación como directora xeral da División de Recursos Económicos do SERGAS, ocupou na institución académica viguesa o cargo de directora da Área de Calidade e secretaria do Consello Executivo da Fundación Universidade de Vigo.
Ana Fernández Pulpeiro naceu en Foz no ano 1959.

Novo equipo xerencial

Coa incorporación de Fernández Pulpeiro á fronte da Xerencia, a Universidade de Vigo da un paso decisivo na conformación do novo equipo xerencial, integrado por cinco vicexerentes cos contidos funcionais de planificación e xestión económica, xestión tecnolóxica, recursos económicos, campus de Pontevedra e campus de Ourense.
Un novo equipo que segundo afirmara o reitor, Alberto Gago, no último Consello de Goberno “terá sobre a mesa algúns compromisos adquiridos que proceden de proxectos iniciados en 2007, pero que tamén terá fixados outros obxectivos adicionais como un plan estratéxico de xerencia, un plan de descentralización administrativa e financeira, un plan de política de persoal e formación e un plan específico de xestión académica”.
Pola súa banda, Antón Vidal que ocupaba provisionalmente o cargo de xerente trala marcha de Manuel Castro, retomará o seu papel como responsable dos Servizos Xurídicos da Universidade.