As candidatas do BNG participaron nun coloquio organizado polos Comités
Ana Miranda e Iolanda Veloso defenden no campus un novo modelo de Europa
Debe responder a unha realidade plurinacional, plurilingüística e pluricultural
“Si nós estamos, Galicia estará, si nós non estamos Galicia non existirá en Europa”, así de contundente se expresou Ana Miranda, cabeza de lista do BNG ás eleccións ao Parlamento Europeo, na charla-coloquio Outra Europa é posibel, organizada polos Comités de Estudantes no Edificio Miralles.
Miranda, que compartiu tribuna coa tamén candidata e concelleira Iolanda Veloso, defendeu ante a comunidade universitaria un novo modelo de Europa baseado na realidade plurinacional, plurilingüística e pluricultural. “Queremos defender unha Europa distinta, moito máis participativa e na que a nosa nación teña unha voz sen complexos e sen intermediarios”, recalcou, ao tempo que fixo fincapé na necesidade de realizar unha defensa concreta e focalizada dos asuntos nos que Galicia ten intereses, “algo que só pode lograr a nosa candidatura porque a presenza galega nas demais listas é ínfima”.
En Bruxelas para falar de Galicia
En relación á baixa participación que acostuma a haber nas eleccións europeas, as candidatas do BNG puxeron sobre a mesa “motivos de peso” para defender a necesidade de que Galicia conte con voz propia no Parlamento Europeo, “a única institución democrática que posúe a UE”, salientou Miranda en relación a que se trata do único órgano decisorio europeo no que os cidadáns teñen influencia, “pois os demais, caso por exemplo do Banco Central Europeo, son os estados os que designan”.Pola súa banda, Iolanda Veloso, fixo especial fincapé no enorme número de cousas que afectan a nosa vida cotiá e que veñen determinadas por Europa, para exemplificalo fixo refencia, entre outras cuestións, á posible desaparición do transporte da ría debido á obriga que establece a Unión de liberalizar o servizo, “é un tema que ven de Europa que xa nós está a prexudicar de xeito directo”.
O modelo de pesca para o futuro, a política agrogandeira, as redes transeuropeas de transporte, os orzamentos europeos... foron algúns dos múltiples exemplos esgrimidos polas candidatas para destacar que, nun intre especialmente complicado, é máis preciso ca nunca contar cunha voz forte que reclame os dereitos dos máis desfavorecidos e que promocione os servizos públicos precisos.
En relación a súa integración na Coalición Europa dos Pobos-Verdes, na que comparten candidatura con ERC, Aralar, Os verdes, Eusko Alkartasuna, Chunta Aragonesista e Entesa por Mallorca, Miranda salientou que “o feito de que participemos nunha coalición non impide que sexamos unha candidatura galega, que parte directamente de Galicia para Bruselas”, ao que Veloso engadiu que “só dende a diversidade se pode garantir o futuro de Europa”.