DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pablo García, campión galego absoluto de xadrez e capitán do Universidade de Vigo:

“Este ano está sendo incrible, somos os mellores en todas as categorías, confirmando a traxectoria do equipo e deste deporte”

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 02/04/2008

Capitán do equipo de xadrez da Universidade de Vigo, o mestre internacional Pablo García, vén de proclamarse Campión Galego Absoluto. Acadando seis dos sete puntos posibles, a obtención deste título é o billete para representar a Galicia no Campionato de España Individual no mes de agosto en Logroño. Ademais, o club universitario foi claro dominador desta proba, situando catro xogadores entre os cinco primeiros clasificados. Pablo García reflexiona no Duvi sobre este novo título e sobre o destacado papel do Universidade de Vigo neste campionato.

Que supón para ti a obtención deste título? É unha aspiración cumprida?
A verdade é que si, é unha gran satisfacción xa que tiña unha espiña cravada co Campionato Galego Absoluto. Nas tres anteriores edicións fun subcampión tras empatar co campión e, agora, esta vitoria sabe moito mellor. Ademais estou moi contento porque puiden comprobar unha evolución na parte técnica do meu xogo.

Cinco vitorias, dous empates e ningunha derrota. Os resultados foron moi contundentes, non había rivais á túa altura?
Tiña moitas ganas de facerme con este título pero teño que agradecerlle moito aos meus compañeiros do equipo. O seu apoio facilitoume moito a concentración e animoume nos momentos de maior complicación.

Como e cando comezou a túa vinculación co xadrez?
Levo xogando ao xadrez case media vida. Comecei cando tiña 15 anos inspirado en boa medida polo gusto por este deportes que había na miña casa. Lembro dende pequeno as partidas do meu pai co meu irmán maior no salón e, cando eu xa xogaba con soltura, entrei nu club de xadrez de Pontevedra. Alí xa comecei a familiarizarme coa dinámica das competicións e co deporte federado.

Para o equipo da Universidade isto tamén é unha gran nova. Como valoras como capitán o traballo do club?
A pesar de ter perdido esta fin de semana inesperadamente ante o Círculo Ferrolán de Xadrez, está sendo unha boa tempada para o equipo e para o club en xeral. Os resultados acompañan e formamos un bo equipo humano que conta cunha actitude moi positiva ante o xogo e unha entrega que non podo poñer en dúbida. Con todo, sendo o capitán un paso algúns intres complicados e de tensión, pero sempre se superan sen problema e con humor.

O equipo era líder da División de Honra ata esta fin de semana, e o equipo escolar está no primeiro posto da Segunda División. É factible acadar os dous campionatos?
Precisamente o equipo que nos venceu esta fin de semana, o Círculo Ferrolán de Xadrez, pasounos por diante na clasificación xeral e pasamos ao segundo posto. A falta de dúas xornadas para o remate da fase regular ábrese unha loita intensa polos primeiros catro postos que dan acceso á final a catro, xa que entre o primeiro e o cuarto clasificado hai un só punto.
O equipo escolar, Universidade de Vigo-Xadrez Galego, gañou esta fin de semana ao Marin B e mantense líder sen baixar o ritmo polo que é moi probable que obteñan o ascenso.
En xeral, o 2008 está sendo un ano de moitos éxitos para o club confirmando a traxectoria ascendente dos últimos anos. Somos campión galegos en todas as categorías, sub14, sub16, sub18, absoluto e universitario.

Miguel Senlle, con tan só 15 anos, foi quinto nos campionatos galegos. Hai canteira en Vigo?
Hai e moita e o noso equipo da Segunda División é unha boa mostra disto. Ademais a progresión deste deporte a nivel xeral é indubidable e está determinada por dúas circunstancias: internet e o uso deste deporte como ferramenta pedagóxica. O xadrez é un dos poucos deportes que se pode practicar a través da rede, dende calquera parte do mundo. Isto fai que o número de afeccionados aumente constantemente. No que se refire ao seu uso pedagóxico, este está máis que instaurado en Rusia ou Cuba e, na actualidade, España é un dos países que o está integrando nas aulas en maior medida.

Dende a túa experiencia, onde reside o éxito dun bo xogador?
No que se refire á preparación, como en case todo na vida, o máis importante son a constancia e o esforzo, porque nun torneo de alto nivel podes chegar a xogar moitos días seguidos partidas de catro horas. Para un reto deste tipo precísase manter un equilibrio entre o corpo e a mente. Atendendo ao xogo, un xadrecista debe atender tanto ao aspecto técnico como ao físico. Para competir profesionalmente e ao maior nivel poden chegar a ser precisas oito horas diarios de adestramento, na que tamén se inclúe traballo físico.

Cal é a túa aspiración agora, unha vez obtido o título galego?
Coa motivación e a ledicia deste título, o primeiro reto que me marco é co equipo na Liga Galega de Clubs. Un bo resultado nesta competición sería o mellor xeito de rematar a tempada pero temos enfronte a equipos moi complicados, profesionais con moitos internacionais nas súas filas. Un pouco máis adiante, e xa coa Selección Galega, disputarei o Campionato de España de Autonomías e no verán será tempo de competicións internacionais.