DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto celebrado este sábado nun ateigado auditorio de Padrón

Anxo Angueira entra na RAG salientando o “fondo político e feminista indiscutible” da ‘Alborada’ de Rosalía

O escritor e profesor da Universidade de Vigo ocupa a, ata agora, cadeira de Salvador García-Bodaño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Institucional
DUVI 29/04/2024

O escritor, profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, ingresou esta fin de semana na Real Academia Galega. Fíxoo nun acto celebrado no auditorio municipal de Padrón, o antigo instituto onde cursou o bacharelato, “onde se forxou de xeito decisivo o que eu son como escritor, como profesor e como cidadán», compartía. “Padrón, pois”, engadía, “é a miña vila, como Manselle é a miña aldea, Laíño a miña freguesía, Dodro o meu concello, a de Iria a miña Terra ou Vigo a miña cidade”, engadiu ante unha sala ateigada de público.

O seu discurso de entrada centrouse na poética da luz en Rosalía de Castro, un “signo moi persoal” da obra da autora que simboliza dende a reivindicación do espertar político de Galicia nas páxinas de Cantares gallegos ata o reflexo das complexidades do eu nos versos de Negra sombra.

Anxo Angueira ocupa así a cadeira que quedara vacante en marzo de 2023 tras o pasamento de Salvador García-Bodaño, a quen escoitara por primeira vez, coñecera e tratara tamén en Padrón. Un dos primeiros relanzos da súa intervención foi unha lembranza do autor de Tempo de Compostela, pertencente á estirpe dos “grandes poetas” que “son quen de deixar versos de bronce na historia literaria dun país”. Mais Angueira tamén quixo traer canda el outros tres académicos ausentes: o seu “irmán” Darío Xohán Cabana (1952-2021); o expresidente da RAG Xosé Luís Méndez Ferrín, “unha referencia permanente no literario, no cívico e no humano”- e Bernardino Graña, o profesor que “quixo vivir e nos fixo vivir a aqueles mociños e mociñas que chegabamos a Padrón de Laíño ou de Lestrobe, de Rois ou Taragoña, de Estramundi ou de San Lois, de Isorna ou Carcacía”, enumerou nunha intervención chea dos nomes e espazos que conforman o seu mapa vital e literario.

A encargada de lle responder en nome da Real Academia Galega foi a académica Chus Pato, quen define no seu texto a Anxo Angueira como “un dos nosos”. Pola súa banda, o  presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, recalcou que a incorporación de Anxo Angueira á academia “fortalece os recursos intelectuais e humanos a prol da nosa cultura e a nosa lingua, ben necesitada de todas as vontades, intelixencia e traballos”. Freixanes tamén puxo en valor “os méritos e o currículo do novo académico”, que son “unha garantía desa contribución, que Anxo Angueira vén desenvolvendo dende hai tempo alí onde tivo oportunidade, tanto na creación literaria e no estudo crítico como na dinamización e o activismo”.

Tras a recepción do alcalde aos membros da academia no concello, celebrouse unha ofrenda floral ante a estatua de Rosalía no Espolón, onde a agrupación folclórica O Pedrón interpretou o himno. Xa ás portas do auditorio, o académico electo foi recibido cos remos en alto por integrantes da Escola de Navegación Tradicional Dorna. Unha vez aberta a cerimonia, Anxo Angueira entrou na sala acompañado polos dous académicos de número de máis recente incorporación, Lourenzo Fernández Prieto e María López Sández.

A poética da luz en Rosalía de Castro

Anxo Angueira dedicou o seu discurso á poética da luz en Rosalía de Castro, un elemento que “acabou por converterse nun signo moi persoal e ó mesmo tempo moi significativo, mesmo senlleiro, a respecto de todo o conxunto da súa obra”. O académico percorreu a produción literaria rosaliana desde La flor (1857) e A mi madre (1862) ata En las orillas del Sar (1884), deténdose especialmente nos Cantares gallegos (1863) e Follas novas (1880), dous títulos marcados pola luz, o primeiro, e mais a sombra, o segundo. Estas dúas categorías antitéticas atopan os seus máximos expoñentes -sinalou- nos poemas Alborada, un canto nacional popular que chama ao espertar político de Galicia; e Negra sombra, que vén sendo “o recoñecemento de como o eu consciente pode estar sometido á convivencia con outros eu”.

Angueira detívose especialmente en Cantares Gallegos, unha contestación ao “insultante soneto” que Góngora lle dedicara a Galicia, «inscrito nunha tradición humillante e frecuentemente xenófoba» da que participaban máis autores ou mesmo o refraneiro español, lembrou Angueira. Nestas páxinas emerxe así a luz da mañá en poemas como Sol de Italia -no que Rosalía invoca a terra de Garibaldi e o 'Rirsorgimento'- e moi especialmente no penúltimo, Alborada. Esta composición, explicou, “revira toda a tradición lírica do xénero que lle presta o título cara a unha histórica dimensión épica”. En opinión do novo académico, “a luz da mañá, a luz do primeiro albor non esperta os mozos que pasaron xuntos a noite. Xa non é a luz dun novo día, é a luz dun novo tempo, no que cómpre espertar e mais erguerse con esperanza e alegría. O discurso aparentemente inocuo asociado ao lirismo de paxaros e mociñas ten un fondo político e feminista indiscutible. O xogo simbólico de noites e amañeceres ten unha carga épica en que a alegría e a esperanza resultan unha verdadeira arenga. Todo isto converte a Alborada de Rosalía nunha referencia literaria e histórica chea de simbolismo para todo o que chamamos Rexurdimento», afondou o profesor.