DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No peche das II Xeiras sobre a lingua

Anxo Lorenzo salienta a necesidade de establecer un substrato básico común que reflicta a pluralidade da sociedade galega

O alumnado critica duramente o labor levado a cabo pola Secretaría Xeral Linguística

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 12/03/2010

“Non se trata de facer unha política lingüística única, nin de crear unha norma que sexa indiscutible, pero temos que ser capaces de establecer un substrato básico común que reflicta a pluralidade da sociedade galega”. Así defendeu o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, a posta en marcha do novo Decreto do Galego no peche das II Xeiras sobre a lingua galega, onde tamén realizou balance das máis de 100 actividades (en concreto 102, puntualizou) postas en marcha polo seu departamento desde o pasado mes de maio.
O dirixente autonómico expuxo ante o numeroso público asistente os que considera catro principios básicos sobre os que se asentan as bases que tanto polémica teñen suscitado dende que se presentara o primeiro borrador a finais do mes de decembro. Garantía de competencia nas dúas linguas, aposta polo plurilingüismo efectivo, potenciación do galego e fomento da participación das familias no proceso educativo, son, en verbas de Lorenzo, “os catro eixes fundamentais nos que se basea o anteproxecto de decreto que imos presentar nos próximos días”.

Lorenzo defende o equilibrio en horas e materias que fixa o novo decreto

Respecto a garantía de competencia nos dous idiomas o responsable de Política Lingüística considerou fundamental o equilibrio que se establece, tanto en horas como na relevancia das materias, entre as dúas linguas oficiais, algo que, ao seu xuízo, “é na actualidade unha necesidade social para limitar a tensión que se está a vivir nestes intres na sociedade”.
En canto a outra das principais liñas de conflito, a ensinanza do inglés, Lorenzo destacou que, se ben o novo texto mantén un terzo da ensinanza nesta lingua estranxeira, “somos conscientes de que será un proceso lento e gradual e no que é absolutamente necesario contar coa participación tanto de profesorado como de alumnado”, salientou.
Outra das principais críticas que recibiu o actual equipo da Consellería de Educación foi o grao vinculante que acadaba a opinión das familias no funcionamento dos centros escolares. Sobre esta cuestión, Lorenzo destacou que a súa opinión seguirá estando presente pero “redimensionada”, no senso de que a súa decisión terá un certo poder de vinculación pero non tan definitivo como se formulaba nas bases, se ben deixou claro que “se trata dun elemento central para que os modelos lingüísticos plurilingües teñan éxito e acaden o consenso social”.
Co obxectivo de ampliar os espazos de uso para vivir en galego, o secretario xeral subliñou tamén que se manterán os traballos dos equipos dinamizadores da lingua galega –ata o de agora equipos de normalización lingüística- e que, “por primeira vez”, se vai introducir un procedemento de avaliación e coñecemento da competencia lingüísticas “que permitirá aos responsables dos centros escolares avaliar si se están a acadar ou non os obxectivos”.

Duras críticas

Entre o público que este venres asistiu a intervención de Anxo Lorenzo nas Xeiras da Lingua había para el numerosas caras coñecidas, algúns compañeiros de docencia no campus –Lorenzo forma parte do cadro de profesores do Departamento de Filoloxía Galega e Latina- e tamén moitos ex-alumnos e alumnas que non dubidaron en criticar duramente o labor que agora exerce na Secretaría Xeral, así como todas as decisións que se tomaron en materia lingüística polo actual goberno da Xunta, do que forma parte.
Ata o punto de acusalo de “vender palla” e de ser un dos autores “do exterminio do galego que se está a levar a cabo dende a Xunta”, o alumnado empregou algún dos seus artigos publicados con anterioridade a exercer o cargo e que, ao seu xuízo, “contradin totalmente as medidas que agora estás a promover” e que, lembráronlle, “provocaron un rexeitamento social multitudinario, coma nunca antes se lembrara por unha cuestión idiomática”.
Desde os Comités, o responsable en Vigo, Iago Varela, valorou a intervención do secretario xeral, como unha actuación “totalmente política”, na que evitou responder as preguntas que considerou máis incómodas. “Demostrou claramente as diferenzas entre o actual Anxo Lorenzo, o político, e o anterior Anxo Lorenzo, lingüista e profesor”.

Clausura das xornadas

O vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, foi o encargado, xunto ao responsable dos Comités, Iago Varela, de clausurar as xornadas na que foi unha reflexión conxunta sobre normalización lingüística e tamén sobre as relacións entre lingua e cultura.
Area aproveitou tamén para facer balance sobre o traballo levado a cabo dende a Universidade de Vigo durante estes últimos catro anos en materia de normalización lingüística. “Desde o principio tiñamos claro que a Universidade non é unha illa e non pode abstraerse da situación social xeral da lingua”, recalcou o vicerreitor, ao tempo que insistiu en que prestixiar a lingua galega na Universidade pode axudala moito no ensino non universitario, na empresa, na administración, na xustiza, nos medios... “ en xeral, en todos os ámbitos que foron tratados estes días nas Xeiras”.
Lembrou as diferentes campañas postas en marcha (“Europa é plurilingüe quen sabe galego, sabe máis”, “Chámate con xeito” ou “Busco amante galego-falante”), pero tamén admitiu que moitas ideas ficaron no camiño, entre outras, “ a de darlle a oportunidade a todo o alumnado a ter o material docente que preparan os profesores e profesoras a través de Faitic en galego”.