DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística estimula a creación literaria de calidade

Coa convocatoria dos premios de poesía, relato curto e tradución

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 12/03/2008

Coa lingua galega como medio e a calidade como obxectivo, a Area de Normalización Lingüística organiza os premios literarios de tradución 2008. Esta convocatoria, aberta ata o vindeiro 31 de marzo, está destinada a calquera membro da comunidade universitaria e comprende tres modalidades: poesía, relato curto e tradución literaria.
Co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, estes premios teñen como finalidade “estimular a creación e a creatividade literaria na Universidade e ser un incentivo para que a xente comece e siga escribindo”, explica Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística.
A entrega de premios terá lugar coincidindo cos actos de celebración do Día das Letras Galegas a finais do mes de maio no teatro Roberto Vidal Bolaño. Os galardóns comprenden 700 euros para os primeiros e dous accésits de 250 euros en cada categoría. Segundo Henrique Costas este aporte económico “vai acompañado do recoñecemento de ser premiado e pode ser un xeito de comezar unha carreira no mundo literario. Tratamos así de explotar unha das potencialidades dos nosos estudantes e de toda a Universidade e que a sociedade galega descubra a calidade dos que pasan polas nosas aulas”. Cunha traxectoria de máis de dez anos, nestes premios participaron algúns escritores que agora xa publican dun xeito máis habitual como Silvia Pena ou Lucía Novas. “Este é un lugar onde comezar a carreira literaria e moita xente que botou a andar aquí continuou dándose a coñecer e iso tamén é moi importante para a imaxe da Universidade”.

Requisitos para poder participar

Este certame está aberto a todos os membros da Universidade de Vigo, quedando unicamente fóra da convocatoria do premio de tradución literaria os profesores que impartan docencia na titulación de Tradución e Interpretación e en calquera das filoloxías.
A entrega dos traballos pode facerse en calquera dos rexistros da Universidade antes das 14.00 do 31 de marzo e deben ser inéditos, orixinais e non premiados con anterioridade. Nas modalidades de poesía e relato curto o tema será libre e os autores deben axustarse a unha extensión determinada. Para os traballos poéticos o mínimo é de 100 versos e o máximo de 150. Para os relatos curtos o mínimo é de 8 folios e o máximo de 12. Na modalidade de tradución literaria, por outra banda, o texto fonte debe ser un texto literario en calquera idioma, cun mínimo de 8 páxinas e un máximo de 20. Neste caso é obrigatorio achegar unha copia deste texto fonte obxecto da tradición indicando todos os datos sobre a mesma.
Os traballos deben ser presentados por quintuplicado e mecanografados a dobre espazo e, no caso de ser premiados, seguirán sendo propiedade dos autores respectivos, agás a primeira edición, que publicará a Universidade de Vigo. Os gañadores serán elixidos por un xurado composto por persoeiros de recoñecido prestixio e cunha ampla traxectoria nos ámbitos de creación poética e narrativa, da crítica literaria e da tradución, entre os que están profesores da Universidade que teñen tamén unha carreira literaria como Gonzalo Navaza ou Anxo Angueira ou tamén Manolo Bragado, de Xerais, que é quen vai editar os textos premiados. Segundo subliña Costas, “moitas veces precisamos da colaboración de asesores, sobre todo no premio de tradución, xa que ao ser libre o idioma non contamos con expertos en todas as linguas. O ano pasado o premio foi para unha tradución do xaponés, para o que tivemos que buscar axuda para o xurado”.

Na páxina web da Área de Normalización Lingüística pódese consultar a convocatoria dos premios.