Alumnado do campus procura a estimulación artística con dinámicas de xogo e relaxación
Arteterapia para crear un espazo de benestar colectivo no último obradoiro do curso
O ritmo de vida actual require facer unha pausa e buscar un espazo para a relaxación, coñecerse a un mesmo e achegarse con harmonía aos demais. Con esta premisa, o obradoiro de arteterapia pecha as actividades extracurriculares da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus para o segundo cuadrimestre, logo de tres meses de actividades diversas en torno ás linguaxes escénica, musical, artística, audiovisual e de comunicación.
A profesora do curso, Charlotte Mouly, define a arteterapia como “un medio para o desenvolvemento persoal, que se basea na creación artística como vía de expresión do mundo interno”. Para isto, explica que non é preciso ter coñecementos previos en arte ou danza, que son as principais linguaxes expresivas que emprega nas clases. “O curso é práctico e vivencial”, comenta nese sentido, ao que engade que nas sesións se xera un proceso creativo individual ou en grupo, “no que cadaquén pode liberar e expresar o artista interior que todos temos dentro”.
Espazo de desenvolvemento da intelixencia emocional
Segundo Mouly, a arteterapia é tamén un espazo de investigación para desenvolver a intelixencia emocional, favorecer o coñecemento dos recursos persoais e aumentar a confianza e estima propias. Ademais, engade que “busca estimular a creatividade desde o soporte das técnicas artísticas, favorecer a comunicación intra e interpersonal, axudar a superar bloqueos persoais e crear un espazo de benestar individual e colectivo”.Para conseguir eses obxectivos emprega na clase diferentes técnicas de estimulación artística a través da danza, a música, a pintura, a olaría, a fotografía, a escritura creativa e a colaxe. En cada sesión, de tres horas de duración, combina tamén dinámicas de movemento e conciencia corporal con outras de relaxación mental, confianza, escoita e xogo, para integrar a experiencia na expresión artística.