DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Unidade de Igualdade organiza unha xornada sobre masculinidade con perspectiva de xénero

Así varría, así, así. Así varría que eu o vin 

O 31 de setembro e o 1 de outubro no edificio Redeiras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 25/09/2024

A porcentaxe de mulleres que, segundo unha enquisa do INE, se encargaba en 2021 da maior parte da tarefas domésticas rozaba o 46%, fronte ao 14,9% dos homes,  unhas cifras moi parecidas ás referidas ao coidado de menores de idade, que tamén recae de xeito maioritario nas mulleres, que o asumen nun 41% dos casos, fronte ao 4,8% dos homes. “Para reducir esta fenda, sería fundamental acabar cos mandatos de socialización sexistas, que na nosa sociedade orienta ás mulleres ao coidado dos outros: seres-para-outros e aos homes seres-para-si, ou como din algunhas autoras expertas, rematar co guión patriarcal da chamada pedagoxía da crueldade masculina, que desfavorece os actos de empatía co resto dos seres humanos”, explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, que xunto aos servizos de igualdade das universidades de Santiago e A Coruña organiza a xornada internacional Democratizar os coidados e a vida doméstica: O papel dos homes con perspectiva de xénero, os días 30 de setembro e 1 de outubro no edificio Redeiras.

Durante dous días, persoas expertas en masculinidades abordarán, en relatorios e mesas redondas, esta cuestión desde a perspectiva dos coidados (caring masculinities) que poñen en valor esta actividade e tratan de crear posibilidades para fomentar que os homes se impliquen activamente neles. “Se houbera que destacar algunha persoa sería, por unha banda, Ánder Bergara do Emakunde-Instituto Vasco da Muller, a primeira institución do Estado que impulsou programas concretos de masculinidades como A mochila igualitaria para pais, para cando un home ten fillos ou fillas e que podería ser fonte de inspiración para trasladar esa política pública ao ámbito universitario”, sinala a directora da Unidade de Igualdade, que tamén destaca a participación nas xornadas de Bakea Alonso da Fundación Cepaim, pola súa extensa experiencia internacional en programas de intervención con colectivos masculinos; Tatiana Moura, directora do Observatorio de Masculinidades da Universidade de Coimbra, que presentará un estudo internacional neste ámbito e a antropóloga Anastasia Téllez, referente na formación universitaria nas temáticas sobre masculinidades no estado español. 

As e os participantes nas sesións foron seleccionados polo experto en masculinidades da USC Jorge García, en coordinación coas unidades de igualdade das tres universidades galegas, que contan para a celebración das xornadas co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade, a través dos fondos de Plan Corresponsables.

Un panorama moi desequilibrado que cómpre reverter 

A fenda de xénero existente en relación cos coidados e a vida doméstica, que repercute negativamente nas taxas de natalidade e na conciliación da vida familiar e laboral, considera Águeda Gómez que deriva nun “panorama moi desequilibrado que cómpre reverter. Para iso, ademais do papel das políticas públicas, institucionais e empresariais que favorezan a conciliación responsable dun xeito claro e firme, tería que producirse un cambio social que dese prioridade ‘á vida’ fronte outros valores, como a produtividade laboral, o excesivo consumismo, etc…”.

Favorecer que nos ámbitos laborais sexan os homes os que se acollan ao teletraballo,; incitar a que eles soliciten permisos por coidados, reducións de xornada ou excedencias e que os permisos parentais sexan equiparables, intransferibles e non simultáneos, son algunhas das medidas que apunta Águeda Gómez para acadar unha maior democratización dos coidados. “Un recente estudo titulado ¿Cómo incide el nuevo diseño de los permisos de nacimiento en la corresponsabilidad. Un análisis con registros administrativos de la Seguridad Social de 2016 a 2023 conclúe que menos dun 20% dos pais españois utiliza o permiso de paternidade de forma potencialmente corresponsable, é dicir, alternándose coa nai para alongar ao máximo o tempo de coidado do bebé, fronte a un 50% que colle a baixa de xeito simultáneo á nai, fomentándose o rol de pai axudante”, detalla a responsable da Unidade de Igualdade da UVigo. Gómez tamén avoga por intervencións de carácter simbólico como a elaboración de produtos audiovisuais que recreen personaxes masculinos coidadores ou diverxentes do modelo hexemónico patriarcal, “un exemplo deste tipo de personaxes apenas presente no mundo audiovisual é o do home de Ruth Bader Ginsburg na película Unha cuestión de xénero”, exemplifica Gómez.

Implicación dos homes nas políticas de igualdade 

Tanto mulleres como homes, ao igual que persoas responsables dos servizos sociais da administración pública ou das propias universidades están convidados a participar nestas xornadas, financiadas co Plan Corresponsables, “polo que se insiren na idea de que as políticas públicas de igualdade implican tamén aos homes, porque só entre todas e todos de forma conxunta, podemos rematar ca política patriarcal”, sinala Águeda Gómez. 

Para participar nas xornadas, nas que as prazas son limitadas, cómpre inscribirse a través dun formulario.