DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do Programa de Mobilidade Transnacional Xuvenil Galeuropa

Auce busca 12 persoas para realizar prácticas en Lisboa e Brescia

Cubre os gastos de aloxamento, viaxe, manutención, transporte local, formación lingüística e seguros

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 03/08/2017

Por terceiro ano consecutivo e nesta ocasión con novidades, a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación Auce levará a cabo unha iniciativa de mobilidade que consiste en ofrecer a 12 persoas a posibilidade de realizar prácticas non remuneradas en entidades acordes ao seu perfil en Lisboa (Portugal) e Brescia (Italia). A entidade correrá a cargo dos gastos de aloxamento, viaxes de ida e volta, manutención, transporte local, formación lingüística e seguros de accidentes e responsabilidade civil das persoas beneficiarias. O prazo para inscribirse permanecerá aberto ata o vindeiro mércores 16 de agosto.

A iniciativa, explican os seus promotores, foi unha das seleccionadas na convocatoria deste ano do Programa de Mobilidade Transnacional Xuvenil Galeuropa, cofinanciado pola Xunta de Galicia, a Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. Como entidade xestora, Auce contará coa colaboración do Club Intercultural Europeu, en Lisboa, e Mistral Società Cooperativa Sociales Onlus, en Brescia. Este ano ofertan 8 prazas para Lisboa e 4 para Brescia, cunha duración de tres meses, a desenvolver desde o 1 de setembro ata o 30 de novembro de 2017. Dada a natureza da asociación, na selección de participantes terán prioridade aqueles e aquelas que presenten un perfil asociado aos ámbitos educativo e social, aínda que tamén poden presentarse persoas doutras ramas formativas. Auce Galeuropa 2017 está dirixido a persoas menores de 30 anos, inscritas como beneficiarias no Programa de Estratexia de Emprendemento e Emprego Xuvenil Garantía Xuvenil e na valoración da candidatura teranse en conta primeiro as solicitudes de persoas que nunha foran beneficiarias de Galeuropa. As persoas interesadas deberán enviar o seu currículo e unha carta de motivación ao correo auce.galeuropa@gmail.com.

Ademais de sufragar os gastos previstos na convocatoria de aloxamento, viaxes de ida e volta, manutención, transporte local, formación lingüística e seguros, as persoas beneficiarias terán á súa disposición a dúas mentoras en Ourense e un en cada país de acollida, que lles proporcionarán apoio continuo. Este apoio inclúe aspectos como información, orientación e acompañamento en todas as etapas do proceso, desde a orientación previa á mobilidade e acompañamento ás entidades de prácticas ata seguimento continuo e celebración de actividades culturais. Entre outras cuestións, as persoas participantes terán apoio na procura de aloxamento e dunha entidade de prácticas axustada aos perfil e preferencia das persoas beneficiarias, un curso de formación lingüística en portugués ou italiano, segundo o caso, e seminarios de preparación pedagóxica e cultural, ao inicio da mobilidade, de avaliación intermedia e de inserción laboral e oportunidades de mobilidade europea.

Ampliando o mapa

Segundo sinala Noemí Giraldez coordinadora de Galeuropa Auce 2017, “nesta edición afrontamos un novo reto ao incluír entre os destinos Italia, o que nos permite ampliar a dimensión internacional do proxecto alén de Portugal e abrir o abano de posibilidades que teñen as persoas interesadas en realizar estas prácticas”. Cada ano, engade, a iniciativa está ofrecendo moi bos resultados, tanto a nivel de satisfacción dos participantes como da súa inserción laboral posterior. Deste xeito, lembra, na última edición celebrada tres persoas continuaron traballando nas entidades de destino, unha fixo voluntariado europeo e outra atopou traballo en cooperación a través do seminario de inserción laboral deste programa.

Un ano máis, lembra a coordinadora da iniciativa, os obxectivos serán para Auce “fomentar o desenvolvemento profesional e persoal a través da adquisición de experiencia laboral, a aprendizaxe doutras linguas, o intercambio sociocultural e a independencia, entre outros aspectos”. Tamén quere promover as boas prácticas no ámbito social e educativo e a construción de redes. “É preciso ofrecer oportunidades a profesionais do ámbito social e educativo con pouca traxectoria profesional pero con moitas ganas de aprender e traballar”, recalcan desde Auce, facendo fincapé na necesidade rachar coa dinámica de desánimo na mocidade “pola falta de oportunidades laborais, que afecta especialmente á área social e educativa”.