Segundo un novo informe da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo presentado este luns
Aumentan en máis dun 30% as novas sobre casos de pornografía dixital contra menores dende o ano pasado
O estudo revela que as violencias sexuais no eido dixital están ligadas ao uso de ferramentas de IA
A Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, impulsada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, presentou este luns no edificio Redeiras o cuarto informe do Observatorio Stop Machitroles, que analiza a violencia machista dixital a través da prensa galega. Este novo estudo conclúe que no último ano experimentouse un incremento as novas sobre violencias sexuais e dixitais contra menores, con especial incidencia nos casos de pornografía dixital, que medra ante o aumento de plataformas en liña e o avance da IA. Dos 238 artigos analizados, o 41,6% están relacionados coa pornografía dixital e a intelixencia artificial, o que representa un aumento do 33,8% con respecto as datos recollidos no informe no ano 2023, no que as novas sobre pornografía e intelixencia artificial supuñan un 7,8%.
A encargada de presentar as conclusións do estudo foi a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, Águeda Gómez, que estivo acompañada pola deputada de Benestar Social e Igualdade da Deputación Pontevedra, Sandra Bastos e pola xornalista Marga Tojo, vogal da Asociación Xornalistas Galegas. Gómez lembrou que esta investigación exploratoria analizou, entre outubro de 2023 e setembro de 2024, un total de 238 artigos e de pezas xornalísticas aparecidas nos xornais dixitais da prensa galega (La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, Atlántico Diario, Diario de Pontevedra, El Progreso de Lugo e La Región de Ourense), así como no principal diario de tirada estatal (El País), “por se o único xornal que conta cunha relatora de xénero”. O informe recolle a información aparecida sobre todos os actos violentos que afectan ou se dirixen ás mulleres e ás nenas polo feito de seren mulleres, no ciberespazo ou a través de canles dixitais, tanto se se articulan como violencias específicas como se interseccionan con outras violencias.
No 32,4% das novas as vítimas son menores
Do total das novas analizadas, o 60,9% abordan casos de violencias machistas dixitais e o 39,1% en accións para combatelas. Isto supón unha diminución respecto do informe de 2023, no que se analizaron 315 novas sobre estas temáticas, das cales o 48,4% sobre violencias dixitais e o 51,6% sobre propostas de prevención.
Respecto dos artigos que se centran nas violencias machistas dixitais no informe de 2024, “o 20% fai referencia á chamada manosfera, a rede misóxina dixital organizada formada por foros como Forocoches ou creadores de opinión como os youtubers Un Tío Blanco Hereto ou Roma Gallardo”, explicaba Águeda Gómez. Outro 32,4% son novas nas que están implicadas como vítimas menores; o 38,6 son novas que abordan temáticas relacionadas co sexo ou o xénero e o 9% xira arredor de mulleres con presenza pública que recibiron algún ataque deste tipo.
IA para crear ‘deepfakes’
A responsable da Unidade de Igualdade fixo fincapé na irrupción da intelixencia artificial xerativa empregada para crear deepfakes de carácter pornográfico como imaxes de falsos nus, xa que do total dos artigos seleccionados, un 41,6% están relacionados coa pornografía dixital e a IA. No informe de 2023, lemrbaba, xa se facía fincapé nesta "tendencia á alza que estaba a impactar social e mediaticamente" e, nesta nova edición do estudo, corrobórase que as plataformas dixitais “supoñen un espazo para a reprodución de maior número de violencias ante as cales mulleres e nenas son máis vulnerables”.
Da análise das novas tamén se detecta o menor peso a violencia contra mulleres con presenza pública provocadas pola manosfera, o que mostra que se está a producir unha invisibilidade mediática desta violencia estrutural. Detéctase tamén que as propostas institucionais para protocolarizar e frear o ciberacoso, resultan insuficientes e que nos medios non hai unha liña de contidos que nos permitan considerar que este tema forma parte da axenda mediática. Neste sentido, Águeda Gómez recalcou que aínda que os datos oficiais sobre violencias dixitais por razón de xénero “son alarmantes, o peso en tanto a feitos noticiables non é proporcional”. Citando varios informes publicados pola Unesco ou polo Instituto das Mulleres, incidiu en que “hai unha prevalencia cada vez maior de violencias machistas dixitais, que algúns informes elevan ao 87% das nenas e mulleres afectadas”, pero esa prevalencia “non se traslada aos medios do mesmo xeito”.
A responsable da cátedra concluíu a presentación dos resultados lembrando que “as violencias machistas dixitais son un fenómeno que atravesa a sociedade e que son a punta do iceberg das múltiples violencias que sofren as mulleres”.
A violencia dixital, un problema socioestrutural
Na presentación do informe a deputada de Benestar Social e Igualdade da Deputación Pontevedra, Sandra Bastos, agradeceu o “intenso e valioso labor” da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo e do seu Observatorio Stop Machitroles para “analizar a ciberviolencia, a violencias dixital e a pornografía” na prensa. Na súa análise dos datos, a deputada puxo o foco na “gran preocupación que supón o uso de ferramentas de IA como unha nova forma de exercer a violencia contra as nenas e as mulleres”. Tamén incidiu na “falta de recoñecemento social das experiencias de violencia dixital que sufrimos as mulleres” e convidou a realizar unha reflexión sobre “as razóns que motivan que isto siga a acontecer, porque nos preocupa que intereses hai detrás de que se normalicen estas violencias”.
Pola súa banda, a xornalista Marga Tojo, vogal da Asociación Xornalistas Galegas, fixo unha análise sobre o tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación e incidiu en que “os dispositivos biopolíticos da dixitalización exercen o disciplinamento a través de mecanismos complexos e dispersos” e asegurou que “o discurso mediático produce e reproduce a ciberviolencia”. A xornalista lembrou que “os medios de comunicación teñen a obriga de incorporar a perspectiva de xénero ás súas informacións de maneira transversal e que non chega con ter boas intencións, é necesaria formación nas redaccións”. Neste sentido, reclamou a incorporación da figura da redactora ou editora de xénero ás redaccións e salientou a importancia da formación en xénero das e dos profesionais da comunicación.
A xornalista concluíu a súa intervención destacando que “este tipo de alianzas entre o mundo académico e o mundo profesional son necesarias para avanzar cara unha igualdade real e neste caso concreto pode ser unha oportunidade para facer un xornalismo de calidade que desmonte a desinformación de xénero”.