DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se establece nunha tese

A automedida da presión arterial non debe substituír á toma en consulta

A investigación realizouse con voluntarios do Centro de Saúde de Sárdoma e da ETSE de Telecomunicaci

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 10/01/2008
A automedida de presión arterial é un método que complementa a información obtida polas tomas en consulta, pero que non pode substituíla. Ao tempo esta técnica pode evitar a realización de probas máis específicas, como a monitorización. Así o considera o médico de Atención Primaria Manuel Domínguez na súa tese de doutoramento, unha comparativa entre a automedida e a monitorización ambulatoria na valoración dos niveis de presión arterial e no diagnóstico de hipertensión arterial.
O estudo partiu da necesidade de determinar a correlación e concordancia entre as cifras de presión arterial obtidas na consulta, os valores de medida de presión arterial en domicilio e a monitorización ambulatoria de presión arterial en Atención Primaria, así como en estudar a validez da automedida como proba diagnóstica.

Un método cada vez máis usual

“Ultimamente estase xeneralizando en atención primaria a automedida da presión arterial, é dicir, aquela realizada polo propio paciente ou os seus achegados no propio domicilio e nas súas condicións cotiás de vida”, explica o autor da tese.
Esta xeneralización débese sobre todo, segundo Domínguez, ás limitacións que presenta a toma casual da medida nas consultas e ao escaso acceso neste nivel de atención, da monitorización ambulatoria da presión arterial, considerada como “o patrón ouro no diagnóstico e seguimento do paciente con presión arterial”, subliña Domínguez.
Esta monitorización supón levar un monitor de presión arterial durante ao menos 24 horas seguidas. Determínanse os niveis cada vinte minutos durante o período de actividade diúrno e cada trinta durante a noite. “Ata fai moi pouco só se realizaba en unidades especializadas de hipertensión arterial para pacientes de difícil control ou en estudos de investigación pero, pouco a pouco vaise incorporando á práctica clínica de algúns servizos hospitalarios e de atención primaria”.
Segundo se conclúe na tese,a automedida, aínda que non poida substituír á toma en consulta, pode permitir non ter que realizar a monitorización nun grupo seleccionado de suxeitos, sempre que queiramos ou poidamos prescindir do coñecemento do perfil nocturno da súa presión arterial.
“Ambos métodos, automedida e monitorización, considéranse cada vez máis importantes na valoración do paciente hipertenso. Recentemente publicouse unha nova revisión das guías europeas de hipertensión arterial das sociedades europeas de cardioloxía e hipertensión que así o recomendan”, sinala Domínguez.

Unha mostra de 194 suxeitos

Para a realización desta investigación estudáronse a 194 suxeitos, incluíndo pacientes con hipertensión arterial esencial e pacientes normotensos. Os voluntarios hipertensos eran pacientes no Centro de Saúde de Sárdoma, onde consulta Domínguez, diagnosticados de hipertensión arterial esencial por toma presión arterial en consulta médica ou de enfermería e que non estaban recibindo tratamento farmacolóxico ao menos nas últimas dúas semanas. No caso dos pacientes sen hipertensión arterial foron reclutados, tanto na ETSE de Telecomunicación, como no citado centro.