DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O novo grao comezará a impartirse o próximo curso

Belas Artes será a primeira titulación en adaptarse ao novo sistema de Bolonia

A facultade pontevedresa é pioneira a nivel nacional

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 30/01/2008

No camiño de adaptación ao Espazo Europeo da Educación Superior, Belas Artes será a primeira titulación da Universidade de Vigo en adaptarse ao novo Plan de Bolonia. Tras ser aprobado pola Xunta de Facultade o proxecto do plan de estudos para o grao en Belas Artes será presentado ante o Consello de Universidades o próximo 15 de febreiro, cumprindo así o obxectivo marcado polo centro de implantar no vindeiro curso a nova titulación.
Tal como explicou o decano da facultade, Ignacio Barcia, “fixémolo rápido, oficialmente comezamos a elaborar o plan de estudos en outubro, pero iso non quere dicir que sexa precipitado, é un proceso de maduración de moitos meses atrás, un traballo intenso”, e engadiu que “lograr facer un bo proxecto en tan pouco tempo é froito de que a facultade está madurada, recollemos a experiencia de moitos anos de docencia”.
Deste xeito, o centro pontevedrés será o único de toda España, xunto co de Teruel, que depende da Universidade de Zaragoza, en implantar esta titulación adaptada a Europa. O resto de universidades terán que esperar ao período 2009-2010 para poder unirse ao novo sistema.

De camiño ao EEES

Elaborado o informe do novo plan de estudos para a titulación de Belas Artes, o camiño que lle queda por recorrer ata a súa implantación non é sinxelo. Actualmente o proceso atópase nun período de alegacións dentro da propia Universidade que finalizará o 31 de xaneiro cando, nunha nova Xunta de Facultade, faranse as correspondentes modificacións para ser presentado ao Consello Social. Unha vez pasada esta fase e antes de mediados deste mes, o reitor, Alberto Gago, solicitará á Xunta de Galicia a autorización para a remisión do informe ao Ministerio de Educación e finalmente, o novo plan terá que ser aprobado ante o Consello de Goberno o vindeiro día 13, última criba antes de envialo ao Consello de Universidades.
A partir dese momento o proxecto entrará nun proceso de verificación no que o organismo encargado poderá pedirlle á Universidade aclaracións ou ampliación da información incluída no informe. Será sobre o mes de xuño cando finalizará esta etapa e se acreditará o novo plan de estudos.

O antigo e o novo plan

Coa proposta do novo plan de estudos, a Licenciatura en Belas Artes pasará a ser Graduado en Belas Artes, pero o cambio de nome non é a única diferenza que separa unha e outra titulación. De unha duración de cinco anos, coa adaptación a Europa, todas as carreiras pasarán a ser de catro, tanto as licenciaturas como as diplomaturas. O número de prazas ofertadas polo centro manterase igual (130 de novo acceso) e o grao estará composto por 240 créditos divididos en materias obrigatorias, optativas, de formación básica e o traballo fin de grao.
Respecto aos contidos que se impartirán, a principal diferenza é que no actual plan, aínda non tendo especialidades, os estudantes poden dirixir os seus estudos a unha ou outra rama en función das materias que escollan. Sen embargo, na futura titulación os contidos serán máis xerais, xa que a especialización farase a través dos posgraos. Segundo explicou o decano, Ignacio Barcia “aproveitamos para facer unha reestruturación na organización dos contidos, incluímos algunhas cuestións que se botaban en falta e modificamos outras, fomos moi críticos co plan actual e a partir de aí creamos un proxecto que creo que é moi bo”.