Dende mañá sábado e ata o 21 de xuño
A Biblioteca Central do campus, a de Caixanova e a Municipal Central amplían os seus horarios e abren na fin de semana
A iniciativa compleméntase cun reforzo do servizo de autobuses
Xa remataron as longas esperas na procura dun sitio na biblioteca para poder estudar. A partir de mañá sábado e ata o 24 de xuño, o alumnado disporá de máis postos de lectura e dun horario prolongado nas fins de semana, tanto no campus como no centro da cidade. Universidade, Concello e Caixanova chegaron a un acordo para que as súas bibliotecas ofrezan un maior servizo en épocas tan complexas como esta, dando unha resposta coordinada ás demandas reais dos estudantes.
Trátase dunha iniciativa que xurdiu dos propios universitarios que, a través dos seus representantes, “comunicáronnos a gran necesidade de dispor de máis postos de estudo en períodos de exames”, explicaba a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª Carmen Cabeza, na presentación dos novos horarios. Unha demanda que se intensifica máis aínda no mes de xuño, “un momento de moitísima presión sobre as bibliotecas, no que hai unha convocatoria á que van todos, coincidindo tamén coa selectividade, pois a iniciativa vai dirixida a todos os estudantes en xeral”, puntualiza Cabeza.
Pola súa parte, Xesús López, concelleiro de Cultura, remarcaba a continuidade “no avance polo intento de que a estrutura bibliotecaria da nosa cidade se sitúe ao nivel das demandas dos usuarios, intensificando o noso traballo para que cada vez o servizo sexa de mellor calidade”. Dende a Obra Social Caixanova, María Pereira facía fincapé na importante colaboración da entidade co Concello e a Universidade “na súa vocación social e de servizo, pero non soamente a través da súa biblioteca senón no feito de poñer a disposición da cidadanía as nosas dependencias”. Neste senso, ela mesma convidábaos “a seguir camiñando xuntos en proxectos futuros, respondendo ás necesidades e demandas da sociedade”.
Unha demanda urxente e precisa
Ata o de agora a Universidade tratou sempre de atender esta demanda do alumnado cos seus propios medios, ampliando o horario das bibliotecas centrais dos campus de Ourense e Pontevedra e a de Torrecedeira en Vigo nestes momentos máis álxidos. Unha cuestión que se segue a repetir, así pois, ata o 19 de xuño permanecerán abertas os sete días da semana, de 08.00 a 03.00 horas de luns a venres e ata ás 22.00 horas os sábados e domingos.Non obstante, “era obvio que seguía sendo insuficiente e precisábamos máis axudas; seguimentos e estudos de ocupación confirmábannos que esas necesidades eran certas”, sinalaba a vicerreitora. “A opción que estaba a dar a Universidade coa biblioteca de Torrecedeira en Vigo quedaba escasa, polo que acudimos ao Concello e a Caixanova para pedir colaboración”, explicaba Cabeza. Deste xeito, a Concellería de Cultura fixo o esforzo de ampliar o horario de apertura da Biblioteca Central Municipal; a Concelleira de Transporte comprometeuse tamén a reforzar os horarios dos autobuses en fin de semana para que os estudantes poidan trasladarse ao campus e Caixanova abrirá sen cortes de mediodía a biblioteca do seu Centro Cultural, en sábados e domingos.
Xesús López comentaba tamén que durante este período farase un estudo hora por hora de uso do servizo para poder despois, no futuro, facer as modificacións oportunas, “axustando as necesidades reais que haxa”. Así mesmo lembrou a ampliación de horario no verán da Biblioteca Central Municipal, que pasará a abrir polas tardes, de luns a venres de 09.00 a 14.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas.
Horarios prolongados e transporte con maior frecuencia
Á prolongación do horario de apertura das tres bibliotecas, localizadas no campus, na rúa Policarpo Sanz e en Joaquín Yáñez, únese un reforzo do servizo de transporte VITRASA, que aumentará a frecuencia das súas liñas cara ao campus e viceversa.Mañá sábado comezarán a funcionar con novo horario a Biblioteca Central do Campus Lagoas Marcosende e a do Centro Social Caixanova. A primeira delas permanecerá aberta de 09.00 a 22.00 horas os sábados e ata ás 21.00 horas os domingos e a segunda farao tamén ininterrompidamente de 09.00 a 21.00 horas ambos os dous días. Pola súa parte, a Biblioteca Central Municipal aplicará esta iniciativa a partir do 8 de xuño, de maneira que abrirá as súas portas de luns a venres de 09.00 a 24.00 horas, de 10.00 a 14.00 horas os sábados e domingos e, a maiores, de 17.00 a 22.00 horas os sábados.
Por outra parte, a liña 8 de VITRASA ampliará o seu horario “reforzado con diferentes saídas dende a cidade e dende o campus conforme aos horarios da biblioteca da Universidade”, subliñaba Cabeza. Así, dende mañá e ata o 21 de xuño, os sábados saíran autobuses do Areal cada hora entre as 08.00 e ás 15.00 ademais das 17.00, 19.00 e 21.00 horas, mentres que da Universidade partirán cada hora entre as 9.05 e as 14.05 e ás 16.05, 18.05, 20.05 e 22.05 horas; os domingos as saídas desde o Areal serán as habituais da liña cunha adicional ás 09.00 horas, establecéndose un servizo complementario de regreso ás 21.15 horas.