DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca dá un novo impulso aos recursos dixitais

Coa organización dunha xornada formativa e un novo buscador

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/01/2008
Dentro do impulso aos recursos dixitais a Biblioteca da Universidade de Vigo está a organizar para o vindeiro 25 de xaneiro na Escola Técnica Superior de Enxeñería Industrial unha xornada formativa sobre IEL-IEEE, o portal que dá acceso ao texto completo das revistas, actas, etc. do Institute of Electrical and Electronic Engineering e da Institution of Electrical Engineers.
A xornada, coorganizada polo Consorcio Bugalicia e a delegación do IEEE en España, está dirixida aos usuarios e bibliotecarios das universidades de Galicia. Cunha duración aproximada de tres horas, o encontro comezará a partires das 10.30 horas no salón de actos da escola.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse antes do 22 de xaneiro, tendo preferencia as primeiras 40 inscricións debido ao limitado das prazas.

Novo servizo de buscador

No intento de mellorar á accesibilidade aos recursos dixitais a Biblioteca tamén vai pór en marcha un novo servizo de buscador e enlazador de recursos electrónicos, denominado SFX.
O novo buscador vai permitir, entre outros aspectos, consultar o catálogo web da biblioteca, buscar noutros catálogos, solicitar o documento a través do servizo de préstamo interbibliotecario, descargar as referencias en Refworks, coñecer o factor de impacto da revista, lanzar buscas en Google Scholar, etc.

Formulario de inscrición na xornada formativa IEL (106 KB)