DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co 2º posto na clasificación feminina e o 5º na masculina

Bo resultado do equipo de triatlón da Universidade no II Duatlón Cross de Pontevedra

A próxima cita terá lugar en Manzaneda

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 12/02/2008

Esta fin de semana celebrouse o II Duatlón Cross Villa de Pontevedra na Illa das Esculturas, onde o equipo de triatlón da Universidade tivo un papel destacado sendo, ademais, o que máis participantes aportou. Sobre un recorrido de 5 km a pé, 20 en bicicleta e outros 2,5 a pé, o equipo feminino, composto por Mónica Incera, Iria Fernández, Sandra Santodomingo e Jessica Pacífico, fíxose co segundo lugar por detrás do todopoderoso Fluvial de Lugo, o primeiro na clasificación nacional.
Segundo comentou o responsable do Triatlón Universidade de Vigo, Diego Pío, “ten moito mérito, xa que para algunhas delas era a primeira vez que competían en bicicleta de montaña e se o fixeron foi para puntuar polo equipo, xa que case sempre adestra en estrada”.
Pola súa banda, os rapaces lograron o quinto posto cun moi bo papel, a pesar de que un dos seus mellores compoñentes deu unha volta de máis en bicicleta debido a cantidade de corredores dobrados que se atopou, logrando, aínda así, entrar entre os 50 primeiros. “Puido ocorrerlle a calquera” explicou Diego Pío, e engadiu que “sen este incidente posiblemente estarían no terceiro lugar, pero isto non dá máis que ánimos para mellorar o posto na seguinte proba”.

A próxima cita

O Triatlón Universidade de Vigo volverá a competir a vindeira fin de semana en Manzaneda. A cita terá lugar no Duatlón de Rúa de Teo, onde de novo esperan facer un bo papel e seguir clasificando, tanto o equipo masculino como o feminino.