DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores, 30 de abril, ás 22.00h da man da compañía teatral "Chévere"

Un cabaré creado para a Casa das Campás pechará o ciclo de artes escénicas "Interzonas"

A intención da Vicerreitoría é a de converter o programa nun foro anual de artistas contemporáneos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 29/04/2008

Logo de ver pasar polos diferentes espazos da sede da Vicerreitoría do campus aos mellores artistas contemporáneos da nosa comunidade, o ciclo de artes escénicas Interzonas pechará as súas portas cunha representación teatral baixo a marca Chévere: humor, compromiso e complicidade coa sociedade actual. Trátase dunha serie de intervencións efémeras, combinando músicas, imaxes, palabras e corpos nun cabaré fragmentario creado especialmente para a Casa das Campás e no que participarán, ademais dos membros da compañía (Miguel de Lira, Manuel Cortés, Patricia de Lorenzo e Xron), outros actores, actrices, bailarinas, músicos, magos, malabaristas e vídeo- artistas para amosar unha ocupación escénica do edificio que modificará durante unhas horas os seus ritmos habituais.
A intención da Vicerreitoría é a de despedir esta iniciativa por todo o alto, garantindo a diversión dos espectadores, “por iso para pechar este catálogo de escenas extemporáneas propoñemos a colaboración de Chévere, especializada en este tipo de actuacións e cunha ampla e demostrada traxectoria profesional que os avala”, explicou o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández.

Unha compañía multidisciplinar

Chévere é unha compañía de teatro, un colectivo de creadores e unha produtora de servizos artísticos que leva en activo desde 1987. En total conta con máis de vinte espectáculos teatrais, unha infinidade de intervencións efémeras en todo tipo de espazos, series para televisión, case medio millón de espectadores e máis de mil representacións distribuídas en festivais e cidades de Galicia, España, Portugal, Polonia, Italia, Brasil, Mozambique, Cuba e Arxentina. Ademais, en 1992, Chévere puxo a funcionar a sala NASA en Santiago de Compostela, que se ten convertido nun dos núcleos máis activos para a creación contemporánea na nosa comunidade, un auténtico punto de encontro con xentes procedentes de outros territorios, un laboratorio de ideas e unha plataforma para os novos creadores.

Interzonas, unha oferta para minorías

Este é o primeiro ano que desde a sede da Vicerreitoría se organiza o ciclo de artes escénicas Interzonas, que naceu como unha chamada de atención sobre unha serie de obras e autores que incorporan linguaxes diversas e unha clara vontade de xogo e comunicación co público. Segundo comentou o vicerreitor ”esta programación é un conxunto de traballos que non chega a todo o mundo, non se trata de facer algo masivo, senón o contrario, de ofrecer unha serie de representacións que normalmente non se atopan se non estás metido no eido artístico”, explicou o que fora decano da Facultade de Belas Artes. Ademais, subliñou que a intención é a de “continuar e facer do ciclo un foro permanente onde se reúnan cada ano os mellores artistas contemporáneos do país”, destacou Jesús Hernández.
Deste xeito, o mércores pechará as súas portas esta pequena mostra de creadores indisciplinados que se moven pola marxe das correntes defendendo proxectos moi persoais, de gran orixinalidade, pero que resultan próximos por manexar tecnoloxía de doado acceso con usos inesperados e un discurso enfiado con naturalidade. Trátase de pezas creadas nos ocos, nas fendas das programacións convencionais, que viven en terra de ninguén, entre augas, inter -zonas, e que esperaremos que regresen pronto ao campus.