Manuel Catalán, secretario técnico do Comité Polar Español:
“O cambio climático actual diferénciase dos anteriores en que está producido pola actividade humana”
Durante a conferencia “O ano Polar” da Cátedra Álvarez Ossorio
O problema do cambio climático e a investigación nas zonas polares, nas que España ten unha presencia razoablemente importante, foron os dous eixos sobre os que versou o relatorio que o almirante Manuel Catalán, secretario técnico do Comité Polar Español e doutor en Ciencias Físicas, pronuncio no auditorio de Caixanova dentro das actividades da Cátedra Álvarez Osorio.
Durante a súa exposición, o profesor Catalán afirmou que “no ciclo da vida, no ciclo xeolóxico, e no ciclo industrial é onde estamos a producir o posible cambio climático de orixe antropoxénico”. Deste xeito recordou que na Terra xa se teñen producido anteriormente outros procesos deste tipo, pero sempre estiveron provocados por fenómenos naturais, como erupcións volcánicas, que lanzaron á atmosfera unha elevada cantidade de anhídrido carbónico, composto responsable do problema ao que nos enfrontamos na actualidade. O que sucede nesta ocasión é, tal como el mesmo sinalou, que “estamos ante un cambio climático non natural. As previsións indican que o nivel do mar vai subir debido á actividade antropoxénica producida polos materiais fósiles e isto fai que o problema sexa moi grave porque ten difícil solución”.
Manuel Catalán, servíndose sempre de argumentos científicos, sinalou que “a realidade é que hai zonas do planeta que se están enfriando e outras que están sometidas a un quecemento da orde de 3-4 graos entre 1950 e 1998”, e engadiu que “a principal preocupación nestes momentos céntrase na subida das temperaturas no Ártico, que fai que parte dos glaciares se fundan”.
Durante a conferencia, o doutor Catalán estivo acompañado por José María Pousada Carballo, director da ETSE de Telecomunicacións; Antonio Gómez Rivera, subidrector xeral e director de RR.HH de Caixanova e por José Luis Urcelay Verdugo, comandante director da Escola Naval Militar de Marín. Deste xeito estiveron representadas as tres institucións que toman parte na Cátedra Álvarez Ossorio, creada hai dez anos.
As investigacións na Antártida
O motivo polo que se realizan investigacións no continente antártico é, tal como sinalou Manuel Catalán, que “é un punto clave para saber se existe un cambio climático que está a conducir a unha situación diverxente”, xa que “é o lugar do planeta onde se produce a interacción do vento solar coa atmosfera, producindo as auroras boreais e austrais”. No inverno as temperaturas son tan baixas que no mes de xullo prodúcese unha rexeneración da cantidade de ozono, quedando protexida da radicación ultravioleta. O problema, segundo Catalán, é que “este proceso prodúcese cada vez con menor intensidade, permitindo a entrada de racións que poden chegar ata a zona do Río de Plata”Outra das razóns que converten á Antártida nun lugar excepcional para a investigación é o feito de que toda a historia dérmica en canto a cantidades de anhídrido carbónico na Terra está escrita nos seus xeos. Así, as expedicións van perforando ata obter mostras de nevadas sucedidas hai miles de anos chegando a conclusións sobre o sucedido no pasado. A respecto disto, Manuel Catalán afirma que “os resultados evidencian o aumento do anhídrido carbónico, xa que se analizamos as nevadas desde hai mil anos vemos que a partir de 1860, co inicio da época industrial, a escala de incremento desta sustancia empeza a ser vertical”
Hai, polo tanto, evidencias de que o home está actuando sobre a atmosfera coa utilización de enerxías que producen anhídrido carbónico. Como posible solución, Manuel Catalán apunta o uso de “enerxía solar, eólica, das mareas e nuclear, que son as que non dan lugar a este compoñente”.
Ano Polar Internacional
A conferencia de Manuel Catalán encádrase dentro do cuarto Ano Polar Internacional, que “nesta ocasión está dedicado ao estudo dos resultados que a actividade industrial coa conseguinte emisión masiva de anhídrido carbónico á atmosfera ten sobre o planeta, é dicir, ao posible cambio climático”, tal como el mesmo afirmou.O primeiro Ano Polar da historia tivo lugar entre 1882 e 1883. O segundo, realizado entre 1932 e 1933, coincidiu cos descubrimentos tecnolóxicos que fixeron posible que o home voase e estivo orientado ao estudo dos chorros atmostéricos.
O final da segunda Guerra Mundial, entre 1957 e 1958, foi a ocasión aproveitada para a realización do terceiro Ano Polar, no que presidente dos EE.UU redactou un tratado que permitira que a Antártida se dedicase á investigación científica internacional.