DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto foi elaborado para o Banco de alimentos

Unha campaña creada por estudantes de Publicidade e RRPP nominada no Festival Internacional de Málaga

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 28/04/2009

Historias de viaxes feitas en autostop hai moitas pero sen dúbida, a da laranxa creada por un grupo de alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para o Banco de Alimentos, é unha das máis especiais. E é que, case sen pretendelo, chegou a Málaga como candidata do Festival Internacional de Publicidad Social no apartado “Jóvenes talentos”. Non puido coroar a viaxe e facerse co premio pero só a nominación supuxo un “agasallo extra” para os alumnos, segundo explicou o seu profesor Alberto Dafonte, que viaxou con dous deles á gala. Unha sorpresa dobre, porque das catro candidaturas da sección, dúas foron para estes alumnos da Universidade que competían co seu spot e coa campaña de márketing.
Na gala, os representantes da Universidade compartiron nervios e recoñementos con grandes axencias publicitarias como Schakleton, Publicis ou a galega BAP&Conde grazas a unha campaña nacida da solidariedade e do compromiso que tiña por obxectivo “dar a coñecer o labor do Banco de Alimentos e desdramatizar o tema da axuda contra a fame, que aquí parece excesivo”, sinala Dafonte. Paloma Barreiro, Nuria Blanco, Marga Figueroa, Susana Gómez, Elena Pena, Marta Sanjurjo, Luis Solarat e David Sousa conforman o grupo de alumnos que empeñaron a súa creatividade e traballo no proxecto. Á colaboración na campaña tamén se sumaron outros profesores da facultade como Manuel Torrente, que puxo a voz ao anuncio de televisión ou Manuel Fernández Areal, que realizou o contacto co Banco de Alimentos, ademais do propio centro.
A satisfacción foi compartida tamén polos responsables do Banco de Alimentos que valoran moi positivamente os resultados dunha proxecto que puidemos seguir a través dun blog ou coñecer a través de YouTube.

Documental informativo

Este recoñecemento servirá para renovar a ilusión e continuar cun proxecto complementario á campaña no que o grupo segue traballando: o da elaboración dun documental sobre a actividade do Banco de Alimentos, unha institución sen ánimo de lucro que cede os produtos entregados a outros centros, como o comedor dos Padres Franciscanos en Pontevedra, para que sexan estes quen as repartan entre os máis necesitados.