DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus despide as novas promocións de cinco licenciaturas

204 egresados de ADE, Economía, Filoloxía Hispánica, Bioloxía e Química recibiron as bandas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 11/06/2010

Cinco anos de esforzo e superación remataron este venres para máis de 200 estudantes do campus que celebraron entre familiares, amigos e profesores os seus actos de graduación. Xa cos seus títulos de licenciados na man, os novos egresados despedíronse da súa vida universitaria coas inquedanzas propias de comezar unha nova etapa, a da vida profesional. Cos bos recordos deste tempo como denominador común, os novos licenciados agradeceron aos seus familiares o apio recibido e aos seus profesores a formación acadada. Os docentes, en todos os actos, recomendáronlles afrontar o futuro sen medo, con decisión e coa seguridade de achegarse ao mundo laboral co respaldo dunha titulación universitaria e unha formación académica de calidade. Así, coincidiron en salientar que os momentos de crise económica adoitan tamén ser momentos de oportunidades e animaron aos novos profesionais a ser constante, porque o esforzo ten recompensa.
O acto máis multitudinario foi a graduación das licenciaturas de Administración e Dirección de Empresas e Economía celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais que contou coa presenza do reitor en funcións, Alberto Gago así como do decano do centro, Santiago Gómez Fraiz. Os cen estudantes de Administración e Dirección de Empresas e os 32 de Economía foron os primeiros da xornada en recibir os seus diplomas acreditativos e bandas, co director da empresa Blusens, José Ramón García González como padriño. No acto tamén recibiron o recoñecemento os primeiros expedientes da promoción da man do decano do Colexio de Economistas de Pontevedra, Xoan Santamaría Conde.
Durante a xornada tamén se celebrou o acto de graduación dos quince alumnos e alumnas da promoción 2005-2010 da Licenciatura en Filoloxía Hispánica, da que foi padriño Manuel Ángel Candelas Colodrón, director do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura. No transcurso do acto, que contou tamén coa presenza da decana da Facultade de Filoloxía e Tradución, Rosa Pérez, os profesores Miguel Cuevas e Fernando Romo impartiron sendas conferencias maxistrais.

Novos licenciados de Bioloxía e Química

O ámbito científico celebrou tamén este venres dous actos de graduación, o das licenciaturas de Bioloxía e Química. O primeiro deles contou coa presenza do reitor electo, Salustiano Mato así como de Mercedes Casa, directora do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e Rosalía Mera, presidenta da Fundación Paideia, como madriña dos 36 alumnos desta catorceava promoción.
A Facultade de Química tamén graduou á súa promoción 2005-2010 composta por 21 alumnos e alumnas e cos profesores Concepción Tojo Suárez e Antonio Ibáñez Paniello como padriños dos novos egresados e a presenza do decano da facultade, Luis Muñoz López, e Antonio Macho Senra, presidente do Colexio Oficial de Químicos de Galicia.