DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ambos equipos xogaron en Vigo pero acadaron resultados diferentes

O Campus masculino volve caer e o feminino comeza a tempada gañando

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 03/12/2007

A décimo segunda xornada saldouse, unha vez máis, cun resultado negativo para o Campus Universitario masculino que perdeu 68-62 ante o Drova Vigo. Nos primeiros dous cuartos do partido os de Xulio González estiveron case todo o tempo por diante no marcador ata que, a falta duns minutos para o descanso, os rivais encaixáronlles un parcial de 3 puntos. O resto do encontro estivo dominado pola igualdade que se vía reflectida no marcador pero o conxunto vigués chegou ao último minuto dous puntos por riba, polo que o Campus non acadou a ansiada vitoria.
Dentro do malo a lectura do adestrador dos rapaces tenta ser positiva. “Foron mellores pero houbo competición e mantivemos opcións ata o final, non coma outras veces que damos pena” comentou.
Esta fin de semana non haberá liga pola ponte. A vindeira xornada terá lugar o domingo 16 en Ourense contra o Gauzón Ibérica Recimil de Ferrol.

Comeza a tempada feminina

En canto á competición de baloncesto feminino, por fin comezou a tempada para as rapazas do Campus. Despois de moitos problemas xurdidos trala retirada dun equipo e a posterior reunificación de ligas porque non había equipos en Ourense para xogar, quedou configurado un grupo de só 5 equipos tanto da provincia coma de Vigo e Santiago.
O primeiro partido, ante o San Xosé da Guía saldouse cunha victoria por 60-46 nun encontro moi igualado. As do Campus chegaron ao descanso perdendo de 6 puntos pero finalmente conseguiron remontar o resultado. Roberto, o adestrador cualificou a xornada de “regular” pese a gañar, e comentou que aínda non tivo tempo de ver en acción ás 5 novas incorporacións “porque o peso do partido recaeu nas xogadoras do ano pasado”.
Ao igual que na liga masculina, a vindeira xornada será dentro de dúas semanas e mediranse ao Baiona.