DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo co seu 50 aniversario

O campus de Ourense planta a súa árbore número mil

O carballo elixido situouse entre os edificios Politécnico e de Ferro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Ourense 09/07/2024

O campus de Ourense celebrou este martes a plantación da súa árbore número mil. Trátase dun carballo, concretamente un Quercus orocantabrica, que foi situado entre os edificios Politécnico e de Ferro e que vén a enriquecer a biodiversidade dos xardíns universitarios. Ao carón do novo exemplar foi colocada unha placa conmemorativa cuns versos de Rosalía de Castro.

A árbore foi plantada nun acto ao que asistiron membros da comunidade universitaria e no que se destacou o valor simbólico desta plantación, enmarcada na celebración dos 50 anos do campus de Ourense. Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, subliñou “a ilusión” que supón chegar a esta cifra número mil e lembrou que os xardíns universitarios constitúen “o parque de maior extensión de Ourense”. O responsable académico subliñou ademais o feito de que moitas veces “cando se fala da biodiversidade as persoas pensan nos bosques pero ao final un dos sitios máis importantes onde temos que mantela é nas cidades, que é onde estamos”. Por este motivo, recalcou que “unha das características do noso arboreto é que fomenta a biodiversidade” e potencia a calidade do medio ambiente.   

Do mesmo xeito, Delfina Couce, directora da Área de Xestión Ambiental da UVigo, acompañada por Sergio Ramos, técnico superior de Xestión Ambiental, salientou que para a institución académica “é un orgullo” chegar a esta cifra de árbores no marco do seu compromiso coa “conservación do medio ambiente, da flora e da fauna”. Así, gabou a importancia dos arboretos dos tres campus da Universidade de Vigo, onde cada especie está rexistrada.

Dos xardíns do hospital militar á actualidade

Ramón Díaz, técnico especialista en Xardinería e Zonas Verdes do campus, explicou que “os xardíns do campus Ourense son herdados dos antigos xardíns do hospital militar, dos que mantemos unha importante colección de plataneiros de sombra Platanus x hispanica e un grupo de Cedrus centenarios de tres especies (libani, atlantica e deodara) que como grupo poderían estar catalogados como árbores senlleiras”. Esta zona, sinalou, foise ampliando ao longo dos anos cun variado e gran número de especies, engadíndose posteriormente o parque medio ambiental do campus sur, ata chegar “aos actuais mil individuos de 180 especies distintas agrupados en 60 familias”. O técnico subliñou que na actualidade “temos un xardín que case é un xardín botánico no mesmo corazón de Ourense”, con 4,5 hectáreas de zonas axardinadas e 1,5 de zonas naturalizadas, e que non é só un sitio de lecer para a comunidade universitaria “senón que tamén é un parque urbano moi querido por todos os ourensáns” e onde se desenvolven labores de docencia e investigación.

No acto, ademais de recoñecerse o traballo da Oficina de Medio Ambiente da UVigo, da Vicerreitoría do Campus de Ourense e das empresas que teñen participado do mantemento destes xardíns, na actualidade Misturas, houbo palabras de recoñecemento en concreto para José Manuel Teijeiro, técnico especialista en Xardinería e Zonas Verdes do campus durante 25 anos, agora xa xubilado. El destacou que durante a súa etapa neste posto, tomando como inspiración os xardíns botánicos, apostou por diversificar as especies presentes nos xardíns universitarios para aproximar esta diversidade á comunidade universitaria e a cidadanía en xeral. Despois de varias décadas á súa fronte, apuntou, “cada árbore de aquí ten a súa historia” e destacou a súa satisfacción por chegar a plantar este exemplar número mil.