DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na charla “Privilexios dun Universitario”

O campus presenta unha ampla oferta cutural, deportiva e lúdica aos seus estudantes

Os responsables das diferentes áreas presentaron as actividades que están á súa disposición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 07/10/2008

Escolas deportivas, actividades culturais, bolsas de intercambio, voluntariado, gabinete psicopedagóxico... Estes son algúns dos servizos do campus que os novos estudantes puideron coñecer esta mañá. Baixo o título Privilexios dun Universitario, os asistentes escoitaron as propostas nas que, ao marxe das clases nas aulas, poden participar e aproveitar durante a súa estadía na institución viguesa que agora comezan.
Para presentar estas actividades contouse coa presenza da vicexerenta do campus, Ángeles Hermida; o xefe do Servizo de Extensión Universitaria, Ricardo Corderí; o responsable do Servizo de Deportes en Pontevedra, Gustavo Loureiro e a directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto, que subliñou que “esta charla é unha iniciativa para dar a coñecer todas as actividades que organizan os diferentes centros e que moitas veces non sabedes que están aí e que podedes acceder a elas”.

Actividades culturais

Ademais de presentar a xornada, Fernández Souto foi a encargada de explicar as diferentes actividades culturais que desde a Vicerreitoría se organizan para o primeiro cuadrimestre do curso. Tal e como explicou a responsable desta área, “terán lugar cantidade de eventos como conferencias, xornadas e exposicións moi importantes para complementar a formación que se imparte dentro das aulas”.
En primeiro lugar, abrirán a programación cultural as sesións de Cine e Pintura que se desenvolverán do 15 ao 18 de outubro na Casa das Campás co obxectivo de afondar nos lazos de unión que, ao longo da historia, relacionaron ao mundo cinematográfico con outras disciplinas artísticas como a pintura. Nesas mesmas datas e cun obxectivo máis lúdico, a Área de Extensión Cultural e Estudantes dará a benvida a todos os alumnos coa Festa de Campus, que se celebrará o 16 de outubro con actividades festivas e deportivas en todos os centros de A Xunqueira. “É a primeira vez que se organiza un evento deste tipo, pero a idea é que teña continuidade no tempo e que pase a ser a maior festa de cada ano”, apuntou a responsable. O programa de actividades continuará coa xornada Reflexións previas á actividade docente, que se impartirá na Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal e que vai dirixida aos futuros mestres.
Ademais, ao longo de todo o curso haberá diferentes exposicións multidisciplinares tanto na sala de exposicións do campus, Sala X, como na sede da Vicerreitoría, a Casa das Campás.

Deporte

As actividades deportivas nas que poden participar os estudantes centraron gran parte da charla, animando aos asistentes a inscribirse nas Escolas Deportivas antes do 15 de outubro, data na que pechará o prazo de matrícula. Segundo subliñou o responsable do Servizo de Deportes do campus, Gustavo Loureiro, “é unha boa oportunidade de facer exercicio a un prezo moi accesible, grazas aos acordos que mantemos con varios ximnasios da cidade”. Ademais das Escolas Deportivas, tamén están as Ligas Universitarias, nas que se poden apuntar todos os que o desexen en calquera disciplina, “ou ben cun equipo ou ben individualmente e nós encargámonos de buscar o resto do grupo”.
Por outra banda, continuarase cos roteiros culturais, unha iniciativa con gran éxito en edicións pasadas e que cada 15 días organiza unha viaxe por algunha paraxe característica da provincia.
Sen embargo, a novidade que se presentou dentro das actividades deportivas é o programa Deporte e Saúde que, xa implantado nos campus de Vigo e Ourense, porase en marcha en Pontevedra a finais de ano. O obxectivo é fomentar o exercicio saudable, polo que todos os que participen poranse nas mans de profesionais que deseñarán táboas deportivas axeitadas para cada caso, con obxectivos específicos logo dun previo recoñecemento médico.

Extensión Universitaria

Para rematar a charla, Ricardo Corderí presentou o Servizo de Extensión Universitaria, explicando as funcións do Siope (Sección de Información, Orientación e Promoción do Estudante), do Gabinete Psicopedagóxico e da área de Voluntariado e Accesibilidade. Respecto ao Gabinete Psicopedagóxico, Corderí informou que a partir de mediados de outubro haberá unha persoa encargada de “axudar aos alumnos ante calquera problema ou dificultade que afecte ao seu rendemento académico” e, sobre Voluntariado e Accesibilidade, animou aos asistentes a colaborar tanto en iniciativas propias da Universidade como en outras en colaboración con ONG’s.
Por outra banda, Corderí aproveitou a ocasión para presentar a Oficina de Relacións Internacionais (ORI), encargada de xestionar todas as bolsas de mobilidade e programas de intercambio con universidades estranxeiras e a Oficina de Orientación ao Emprego (OFOE), que ten en marcha unha bolsa de prácticas e asesora aos alumnos para facilitar a súa incorporación ao mercado laboral.