Cunha programación que inclúe unha exposición e unha homenaxe a Florencio de Arboiro
O campus súmase á conmemoración do primeiro Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial
En colaboración coa Deputación e con Ponte... nas Ondas!
Este 17 de outubro a Unesco conmemora por primeira vez o Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial. Sumándose a esta efeméride e en colaboración con diferentes entidades, o campus de Ourense celebra este xoves un programa de actividades que inclúe a inauguración dunha exposición e unha homenaxe a Florencio de Arboiro.
A actividade está organizada polo CCP Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense en colaboración coa Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! Pretende ser unha xornada de visibilización do patrimonio cultural inmaterial galego, personalizándoa na figura de Florencio Martínez (Florencio de Arboiro), falecido o pasado 25 de setembro, “en recoñecemento ao seu destacado labor na recuperación da memoria de moitos oficios tradicionais, nomeadamente dos afiadores, oficio emblemático da provincia de Ourense”.
As imaxes do patrimonio
A programación arrancou pola mañá coa inauguración da exposición As imaxes do patrimonio. Ponte... nas Ondas!, que estará no primeiro andar do Edificio de Ferro ata o 16 de novembro. Trátase dunha mostra que recolle imaxes sobre patrimonio premiadas en concursos organizados por esta asociación cultural nos centros educativos de Galicia e Portugal. As imaxes das rapazas e rapaces seleccionadas poden verse na exposición acompañadas de textos explicativos e transformadas en parte de viñetas gráficas realizadas por ilustradores galegos.
Na súa inauguración participaron Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social; Xosé Manuel Cid, profesor coordinador da programación deste Iº Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial. Homenaxe a Florencio Martínez Vázquez (Florencio de Arboiro); Jairo Rodríguez, de Ponte... nas Ondas! e Xavier Álvarez, do CCP Xaquín Lorenzo. Nas súas intervencións, as e os representantes das entidades destacaron a importancia do patrimonio cultural inmaterial e da súa conservación, animando aos futuros profesores e profesoras presentes no acto a ser axentes tamén da transmisión e valorización deste legado.
Lembrando a Florencio de Arboiro
Xa pola tarde a programación continuará, ás 18.30 h, na Sala Emilia Pardo Bazán, cunha actuación de música popular a cargo da Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense. Tras as intervencións institucionais a cargo de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e César Fernández, vicepresidente segundo e deputado de Cultura, a antropóloga da UVigo Fátima Braña falará sobre o significado do Día Internacional do Patrimonio Inmaterial.
Pola súa banda, Xosé Manuel Cid será o encargado de falar da contribución á visibilización do patrimonio cultural inmaterial galego feita por Florencio de Arboiro. “Era unha persoa multifacética, que tocou varias pólas da nosa cultura, entre elas nomeadamente os oficios tradicionais”, sinala. Do homenaxeado, Xosé Manuel Cid destaca que, herdeiro dunha tradición familiar de compromiso coa cultura galega, “levou a súa humanidade, ese facer as cousas desinteresadamente polos demais, a todas as facetas da súa vida e en particular empeñou boa parte da súa vida e da súa economía en recuperar patrimonio material e inmaterial da figura dos afiadores”. O acto rematará coa proxección da película-documental A última viaxe do afiador, dirixida por Aitor Rei.