Presentando o seu novo disco "Cinema do mar"
Carlos Núñez inaugura o Nadal cun concerto "de cine"
Paddy Moloney, estudantes, profesores e PAS compartiron escenario co gaiteiro
Tradición e modernidade, ritmos latinos e música clásica, bandas sonoras e panxoliñas. Carlos Núñez converteu o Concerto de Nadal da Universidade nunha noite de contrastes e entrega por parte dun público que ateigaba o Centro Cultural Caixanova.
Despois de máis de dous anos, o gaiteiro Carlos Núñez volveu á casa e fixoo polo Nadal, poñendo punto final á programación musical da Universidade no primeiro cuadrimestre e presentando do seu disco Cinema do mar. Núñez amosouse feliz e satisfeito por poder tocar entre amigos xa que “estamos todos en familia”. E precisamente entre amigos estivo no escenario, que compartiu con Paddy Moloney, fundador de The Chieftains, pero tamén con estudantes, profesores e PAS que, ilusionados por poder tocar ao lado destes dous gaiteiros, puxeron un toque emotivo e especial no remate do recital.
Un concerto de cine
Os asistentes non deixaron da bailar e ovacionar ao gaiteriro vigués dende o comezo da actuación, pero foi un concerto de cine por algo máis que polo memorable da ocasión. Coa súa nova banda, Carlos Núñez presentaba o seu novo traballo, Cinema do Mar, no que se atreve co mundo das bandas sonoras e onde recompila tamén pezas anteriores que xa tiña compostas para diversas películas. Unha mostra na pasada noite foron os temas de Mar Adentro, de Historias de Terramar, unha cinta xaponesa do creador de series como Heidi ou Marco, ou de Barry Lyndon, un dos filmes de Stanley Kubrick.Contrastes asombrosos
Aínda que o concerto comezou recuperando pezas tradicionais como a Muiñeira de Padrenda, as reviravoltas foron constantes e o público puido viaxar dende Irlanda ata Cuba ou dende Xapón a Santiago. A primeira das sorpresas e probablemente a que levantou máis espectación entre os asistente foi o Bolero de Ravel, que segundo Carlos Núñez “baséase nunha peza recuperada da tradición aragonesa e orixinalmente interpretada con gaita”.Xunto con pezas xa clásicas no seu repertorio como Camiño de Santiago ou A Costa de Galicia, o gaiteiro aportou un toque navideño ao concerto cunha panxoliña do mestre Pacheco de1929, recuperada na Catedral de Mondoñedo. Segundo explicou, “na tradición dos concertos de mestres de capela, as panxoliñas galegas que se interpretaban no nadal, representaban o único momento do ano no que as gaitas entraban nas igrexas”.
Ritmos latinos, mambos inéditos ou temas irlandeses, que fixeron que todo o Centro Cultural Caixanova bailara ao xeito bretón, completaron o repertorio dunha noite que se pechou con pezas tradicionais. A Alborada Veiga e a Muineira de Chantada puxeron o punto final ao concerto ao tempo que este chegaba ao seu momento máis álxido con Carlos Núñez e a súa banda no escenario, acompañados polo mestre Paddy Moloney e un grupo de estudantes, profesores e PAS. Entre eles, Antón Pena, profesor da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación ao que Carlos Núñez se referiu dicindo que “leva máis tempo tocando ca min”. Vellos amigos compartindo temas tradicionais xunto con novos músicos que saen de escolas e facultades nun concerto que marca tradicionalmente o comezo do Nadal na cidade de Vigo.