Carlos Núñez e Paddy Moloney afinan as súas gaitas para o Concerto de Nadal da Universidade
O música vigués trae "Cinema do Mar", o seu último disco
O escenario do Centro Cultural Caixanova será testemuña da volta do músico vigués Carlos Núñez á súa cidade natal tras dous anos de ausencia con motivo da celebración do tradicional Concerto de Nadal da Universidade, organizado pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes en colaboración con Caixanova, e do que o gateiro será protagonista.
Carlos Núñez, internacionalmente recoñecido por crítica e público e acostumado a estar acompañado por algúns dos artistas máis destacados do panorama músical, contará para o concerto de hoxe coa presenza do tamén gaiteiro, Paddy Moloney, compoñente de The Chieftans, grupo que colabora dende hai anos co artista vigués.
Os asistentes a este concerto, que dará comezo a partir das 20.30 horas, terán ocasión de gozar cos acordes do novo disco do artista, Cinema do Mar, un traballo no que explora o mundo das bandas sonoras, ademais de ofrecer versións á gaita de pezas como o Preludio á Suite N. 1 para cello de Bach ou o Bolero de Ravel.