DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A presidenta do Consejo de Estado de España avogou pola súa abolición

Carmen Calvo destaca nunhas xornadas no campus que “a prostitución é unha escravitude histórica, non un oficio”

A súa intervención tivo lugar na Facultade de Relación Internacionais da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 05/11/2024

Os dereitos sexuais, e concretamente a explotación sexual de nenas e mulleres, centrou este martes a celebración na Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense dunhas xornadas. Tamén foi o tema elixido para a súa conferencia de apertura, ofrecida por Carmen Calvo, presidenta do Consejo de Estado de España. Nela, a relatora subliñou que “a prostitución é unha escravitude histórica, non un oficio” e avogou pola súa abolición.

Na súa inauguración, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, destacou a pertinencia da temática elixida para as xornadas pola súa actualidade e enmarcou a súa celebración no compromiso da institución académica coa loita pola igualdade. Así, puxo en valor “o traballo que se leva facendo na nosa Universidade hai moitos anos para construír unha universidade igualitaria, feminista, unha universidade que pode amosar con orgullo moitas das cousas que leva facendo”. Recoñecendo como “aínda nos queda moito para conseguir a igualdade real”, o responsable académico indicou que a Universidade igualmente aspira a que “as nosas egresadas e egresados sexan altofalantes que permitan facer unha sociedade cada vez máis igualitaria”.

Na apertura tamén estiveron Laura Carballo (decana da Facultade de Relacións Internacionais) e Águeda Gómez (directora da Unidade de Igualdade da UVigo que financiou as xornadas) e María Lameiras, enlace de Igualdade da Facultade de Relacións Internacionais encargada de presentar a Carmen Calvo, da que se destacou, entre outros méritos, que é doutora en Dereito Constitucional e que ten ocupado cargos relevantes dentro da Administración do Estado, como vicepresidenta primeira e ministra da Presidencia e de Cultura en diferentes gobernos.

O feminismo, na primeira liña de combate dos dereitos humanos

Carmen Calvo amosou a súa satisfacción de ofrecer esta conferencia na universidade, un lugar que, dixo, “gústame particularmente pisar porque nestes tempos creo que fai moita falta pór en valor a razón, o raciocinio, os argumentos, a tranquilidade e lentitude do pensamento, porque iso é o único que nos permite convivir a todos sendo diferentes as posicións”. Ademais, dixo ao alumnado presente, “nalgún momento vós teredes que coller o relevo do país” polo que destacou a pertinencia de que coñezan “de onde vén este país e onde está agora” nun tema tan relevante como a explotación sexual.

Achegándose a celebración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a relatora recalcou que “o feminismo está na primeira liña de combate dos dereitos humanos agora mesmo”. A presidenta do Consejo de Estado denunciou que as cifras de tráfico de seres humanos, particularmente de mulleres pero tamén de menores, “que o mundo move nunha fórmula de crime organizado para explotación sexual pon os pelos de punta”. Neste contexto dixo que “urxe abolir a prostitución en calquera lugar do mundo” afirmando que “non nos parece que unha boa maneira de ter relacións sexuais sexa comprándolle o corpo a un ser humano, a unha muller; non nos parece que se poida aceptar como válida a vulneración e violación da inocencia da infancia, dos nenos e das nenas”. Carmen Calvo comentou que esta problemática da explotación sexual “é o máis grave que temos que enfrontar en materia de dereitos humanos no mundo”.

Na loita contra esta explotación, a relatora indicou que “aquí temos que pelexar en moitas frontes porque hai propostas aparentemente modernas, progresistas, que din que a prostitución pódese regular, que os ventres de aluguer son solidariedade, e iso non é verdade á luz de principios éticos. Os nosos corpos son nosos e non se poden nin partir nin mercar nin vender”. Sobre este tema apuntou que hai que ter en conta que “o mercado invádeo todo, cómprao todo, véndeo todo, convence de todo”. O mercado, dixo Carmen Calvo, “estalle botando un pulso á democracia aquí e en calquera lugar do mundo e temos que meterlle moitos límites”. Como exemplo alén da prostitución tamén comentou que hai “unha malvada idea de pensar que o noso ventre se pode alugar e que se poden comprar os nosos fillos” e neste senso recalcou que o noso país ten que mellorar a lexislación que ten "porque se aquí é ilegal non poden entrar pola porta falsa mediante ventres de aluguer nenas e nenos que veñen de fóra”.

Sobre a abolición da prostitución pola que avoga, Carmen Calvo lembrou que esta cuestión “leva dando voltas no Congreso de Deputados case cen anos”, desde Clara Campoamor, pero que, dixo, “non se aborda porque é un negocio malvado e porque hai un conflito de intereses entre a liberdade sexual das mulleres e unha sexualidade mal entendida”. Neste punto indicou que “na prostitución non soe haber sexualidade: hai dominación, hai humillación, hai compra e hai venta. O que ditan os dereitos humanos e a ética humanista é o que o corpo das mulleres é seu e só seu”.

Outros temas

A preguntas das xornalistas tamén se referiu ao acontecido coa dana en Valencia. Sen entrar a valorar a xestión desta crise si quixo manifestar a súa valoración do acontecido durante a visita de autoridades a Paiporta. “Creo que é moi grave desde o punto de vista político e sobre todo desde o punto de vista xurídico para un estado de dereito que haxa grupos de xente que se atreven a increpar ao xefe do estado, á raíña, ao presidente do goberno, ao presidente da comunidade autónoma, que son cargos constitucionais, legais e lexítimos que nos representa a todos”, dixo. Isto, apuntou, “vai contra todos nós” e fronte ao acontecido, recalcou, “só cabe unha condena rotunda” e “o rexeitamento de absolutamente todos”, subliñando que “iso non cabe na democracia” e que “non forma parte da política, iso forma parte da violencia, da ruptura da convivencia”.