Compañías como Nu, Poliposeídas ou Teatro do Norte presentarán as súas obras
A Casa das Campás converterase no epicentro do teatro alternativo pontevedrés
Non ten escenario nin pano nin patio de butacas pero, nos próximos meses, a Casa das Campás converterase nun auténtico espazo de teatro alternativo en Pontevedra. Desde o 20 de marzo e ata o 8 de maio, todos os venres, agás os festivos, o edificio da Vicerreitoría do campus acollerá o ciclo Campás Teatro que reúne as propostas escénicas de varias compañías galegas e españolas.
A capacidade de adaptar os espectáculos a espazos alternativos e a variedade das obras caracterizan o programa do ciclo, que coordina Salvador del Río. Nas sesións, que se celebrarán ás 21.00 horas, producirase “unha simbiose entre o espazo e as pezas que son únicas, irrepetibles e adaptadas ex profeso para a ocasión”, apunta o coordinador. As propostas teatrais, moi concretas e alternativas, atoparán no reducido aforo da sala de conferencias da Casa das Campás un espazo especial e axeitado xa que, como explica Del Río, "non buscamos un espectáculo de público masivo".
Propostas variadas
Teatro Nu abrirá o programa este venres día 20 con Coa palabra na lingua. Concerto en dúas linguas para dous actores e un músico, unha obra na que a poesía de diferentes autores galegos e portugueses fiará a discusión de dous actores que interactuarán cun músico. Poliposeídas, unha “terapia de curación a través da risa fronte á imbecilidade calculada que nos ofrece a suciedade do consumo”, segundo se presenta o propio colectivo teatral de Córdoba, serán os protagonistas da segunda cita, o 27 de marzo. Representarán un espectáculo articulado por pezas curtas denominadas polipoemas que actúan como textos de denuncia.A serie de televisión inglesa The avengers serviu de inspiración a Marián Bañobre e Isabel Risco, coñecidas como Maquinaria Pesanda, para crear As vingadoras, unha obra que recupera o espectáculo clown e que conta coa colaboración de José Losada. A performance tamén terá cabida en Campás Teatro e estará representada pola compañía Nut Teatro o 17 de abril, “unha das máis innovadoras de Galicia pola súa forma de expresión”, comenta Del Río. O 24 de abril, Disquedanza e Factoría Teatro interpretarán Des-memoria2 que combina a actuación e o baile e se interroga sobre o amor, a identidade e a necesidade.
Laboratorio sobre a construción das personaxes
Teatro del Norte foi creado por Etelvino Vázquez en 1985 como un grupo de encontro, espazo de investigación e busca arredor do feito teatral. E esta será precisamente a actividade que peche o ciclo, o 8 de maio. Mediante Museo do teatro o espectador poderá ver o teatro por dentro e coñecer o traballo do actor en estado puro.A sesión estará composta por espectáculos que amosan a técnica da actuación como Os principios do actor, Xeo que queima e As voces da voz e outros que falan da historia do teatro como A comedia da Arte, Valle-Inclán ou Federico García Lorca.
Pode consultar o programa completo do ciclo na web da Casa das Campás