O vindeiro venres na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo
O catedrático Miguel Ángel Zabalza afondará nas novas funcións dos docentes
Ante o reto do novo Espazo Europeo de Educación Superior
A adaptación das universidades ao Espazo Europeo de Educación Superior suporá un cambio significativo nas funcións dos docentes pero tamén no papel dos estudantes ante o proceso formativo. Para afondar neste novo escenario e dentro do ciclo sobre A Docencia Universitaria, o catedrático da USC Miguel Ángel Zabalza ofrecerá unha conferencia este venres na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.
Baixo o título Competencias Docentes do profesorado universitario. Calidade e desenvolvemento profesional, o relatorio de Zabalza servirá tamén para presentar o seu último libro, no que se recolle os fundamentos que exporá na súa conferencia.
Catedrático de Didáctica e Organización Escolar na Universidade de Santiago de Compostela, ademais da súa labor como docente, Miguel Ángel Zabalza destaca polo seu traballo investigador en ámbitos da educación, campos sobre os que ten publicado múltiples obras. Segundo o catedrático, a adaptación ao EEES é o gran reto para as universidade nestes tempos, xa que implica un cambio de paradigma. A docencia debe adaptarse a un novo punto de vista máis participativo no que as novas tecnoloxías xogan un papel fundamental. Este novo modelo de ensino implica un cambio fundamental tanto para os profesores como para os estudantes, que van ver incrementado o seu nivel de autonomía asumindo unha maior responsabilidade dentro do seu proceso educativo. Así, das clases maxistrais pasarase a un sistema aberto e de autoaprendizaxe que, lonxe da memorización mecánica, avogue por adquirir coñecementos en profundidade e de xeito racional. Paralelamente estes cambios tamén encamiñarán ás universidades de cara a un modelo de intercambio que forme profesionais aptos para traballar en toda Europa.
As competencias dos docentes
Todos estes cambios tamén inflúen na estrutura universitaria e no modelo da docencia, o que, segundo Zabalza, deriva no ámbito das competencias dos docentes. No seu relatorio o catedrático da USC aportará a súa visión sobre o que debe ter un docente para ser un bo docente. Entre outras características destaca a especialización, a capacidade para adaptarse as novas regras que impón a converxencia con Europa, a importancia das titorías ou o uso das novas tecnoloxías.