DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na última xornada do certame, este sábado 2 de febreiro

Catro alumnas de Esdemga amosan as súas obras no “showroom” de Cibeles

Outras tres xa debutaron con éxito na pasarela madrileña

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 01/02/2008

Tras ser descubertas pola directora artística da pasarela O Ego de Cibeles no desfile Debut 07 que organizou a Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga), catro das sete alumnas seleccionadas pola plataforma de novos deseñadores dependente de Cibeles, amosarán as súas coleccións no showroom que se organiza todos os anos paralelo aos desfiles. Trátase dunha sala onde os artistas debutantes contarán cun espazo propio para expor as súas pezas ao público e á prensa especializada. Sarai Fernández, gañadora do primeiro premio na pasarela Debut 07, Mónica Bastón e María Díaz, son as estudantes xa graduadas na primeira promoción de Esdemga ás que se lle brinda esta gran oportunidade. Xunto con elas Paz Villar, alumna da segunda promoción, que exporá a colección coa que xa o pasado mes de novembro acadou o primeiro premio Loida.
Este sábado a pasarela O Ego de Cibeles porá fin a tres días intensos nos que se presenta a cara máis nova, moderna e vangardista do deseño español. A sala de exposicións converterase ao longo de todo o día nun gran showroom, de acceso libre e gratuíto para o público, no que 60 deseñadores exporán e venderán as súas creacións aos visitantes. Ao mesmo tempo proxectaranse os desfiles dos dous días anteriores nunha pantalla xigante e xa pola tarde celebraranse varios concertos de coñecidos grupos españois.

Dous días intensos

Na primeira xornada en Cibeles foi cando Amai Rodríguez, Menchu Mora e Alba Blanco, as tres alumnas de Esdemga seleccionadas para o desfile, presentaron as súas creacións na tan recoñecida pasarela que, como cada ano, amosa a oito creadores novos e a outros tantos que xa repiten da edición pasada. Cada unha delas amosou unha colección de doce estilismos cos que sorprenderon gratamente aos asistentes. Segundo comentou Lola Dopico, a directora da Escola de Deseño e Moda de Galicia, que estivo presente en todos os pases, “a sensación foi moi boa, ao remate dos desfiles todo o mundo as felicitou pola gran orixinalidade e calidade das obras e as rapazas así o sentiron”.
Hoxe, na segunda xornada do certame, as alumnas de Esdemga terán un respiro que lles servirá principalmente para dixerir a experiencia vivida, xa que cos nervios e a emoción case non tiveron tempo para pensar na repercusión que supón para estas novas deseñadoras amosar as súas coleccións ante os ollos dos máis recoñecidos profesionais do mundo da moda, tanto a nivel nacional como internacional. “Para poder avaliar esta oportunidade nas súas carreiras, necesitan un pouco máis de tempo, aínda son moi novas”, sinalou Lola Dopico e engadiu que “agora tócalle ás alumnas que participarán no showroom, todas elas están coñecendo a moita xente do sector e seguro que saen de Cibeles con varios proxectos”.