DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A unidade móbil instalouse diante da Facultade de Ciencias da Educación

O Centro de Transfusión de Galicia busca doantes entre os universitarios

Co obxectivo de superar as 260 doazóns acadadas na anterior campaña

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 11/03/2009
O sangue é un elemento que non se pode fabricar e que aporta os elementos fundamentais para a nutrición e defensa do noso organismo e que todos os días do ano precisan moitas persoas. As previsións indican que no ano 2009, en Galicia, precisaremos 127.000 doazóns para cubrir todas as necesidades dos nosos hospitais. Por este motivo o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) inicia a segunda fase da súa campaña de doazón de sangue simultaneamente nas sete universidades galegas, agardando superar as 3908 doazóns que se realizaron durante a primeira parte da campaña nos meses de outubro a decembro.
A unidade móbil do CTG instalouse este mércores dende as 9.30 as 14.30 horas diante da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense esperando a todos aqueles solidarios que quixeron doar. Os resultados na anterior fase da campaña xa foron moi positivos, acadáronse as 260 doazóns, o que supón un incremento do 16% respecto ao mesmo período do pasado curso 2007/2008.
Nesta nova fase, esperan mellorar aínda máis as cifras da etapa anterior. Dende a propia unidade móbil, a doutora María Jesús González anima aos posibles doadores “porque somos a base do sistema sanitario, se non hai sangue non se poden facer nin transplantes nin operacións”. A doazón ademais é un acto responsable e solidario do que deberíamos formar parte “todos os que podemos e temos boa saúde para colaborar con aqueles que non gozan da mesma sorte, porque o día de mañá podemos ser nós os que precisemos axuda”.

A doazón por pasos

O proceso de doazón comeza cunha pequena entrevista na que se toman datos persoais do doador como o DNI “xa que a sangue ten que ir identificada con algo que sexa específico de cada persoa”. Teñen que contestar a unha enquisa de saúde, “onde se lles pregunta fundamentalmente por enfermidades que se poden contaxiar a través do sangue e se toman algún medicamento” e despois fáiselle un exame médico básico “onde se mide a tensión e realízase unha proba para descartar a anemia”, explicou a doutora.
A continuación comeza a doazón que se realiza en cinco minutos e onde se extraen “450 mililitros de sangue”. Para rematar os doadores pasan a parte dianteira da unidade móbil onde se lles recomenda inxerir algún alimento ou bebida para “recuperar a perda de líquido e manter a tensión arterial”.

Requisitos para doar

Poden doar sangue todas as persoas que teñan unha saúde normal, con máis de 50 quilos de peso e cunha idade entre 18 e 65 anos inclusive. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e as mulleres tres; deixando pasar entre cada doazón un mínimo de 2 meses. Non se pode acudir a doar sen ter almorzado antes e tras o xantar terán que deixar pasar dúas horas.
Existen causas que impiden a doazón de xeito permanente como son “ter algunha enfermidade que se transmita a través do sangue como SIDA, hepatite B, hepatite C ou sífilis”, tomar drogas, realizar prácticas sexuais de risco ou que se vivise no Reino Unido entre os anos 80 e 96 “debido a posibilidade de padecer o chamado mal das vacas tolas na súa variante humana, xa que o período de incubación desta enfermidade é de 20 anos”.
Outras causas de exclusión pero neste caso temporais son padecer enfermidades infecciosas como a gripe, ter realizado un piercing ou tatuaxe nos últimos 12 meses ou un tratamento odontolóxico na última semana, entre outras causas.