DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de membros da comunidade universitaria

Chega o suspense ao campus coa estrea da curtametraxe “El testigo”

Ás 20.30 no Edificio Politécnico

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 12/02/2008
O campus énchese de suspense coa estrea hoxe da curtametraxe El testigo no que a comunidade universitaria tivo un papel destacado coa participación de numerosos ex alumnos e incluso do profesor Daniele Tommasini. A proxección terá lugar este mércores no salón de actos do Edificio Politécnico ás 20.30 horas. O filme, de 24 minutos de duración foi producido e dirixido por Daniel Cid, que escolleu diferentes puntos da cidade de Ourense como escenario.
O protagonista da curta é David, un mozo con moitos medos interpretado por Iago López. Un día, mentres ve un atropelo dunha nena polo espello retrovisor do seu coche, ten un accidente de tráfico e perde a consciencia. Xa no hospital e tras perder a visión, pregunta pola nena pero ninguén sabe nada dese suposto atropelo ata que escoita na radio que se busca unha cativa desaparecida. David conta o sucedido ás enfermeiras pero aparece no hospital un home, facéndose pasar polo seu tío, para obrigalo a gardar silencio. O protagonista terá entón que enfrontarse a unha difícil decisión, da cal depende a súa vida.

Un dos actores, profesor da UVigo

Daniele Tommasini, profesor do Departamento de Física Aplicada, participa no papel do psiquiatra que atende a David. “Aparezo nun par de escenas, a primeira de todo, analizando na consulta os medos do protagonista, e despois nun dos seus soños” explicou Tommasini, que coñeceu ao director “pola paixón común que temos polo cine”. En canto á experiencia, só ten palabras positivas porque “foi moi interesante e divertida e tivo anécdotas como o feito de conducir un coche fúnebre” comentou. Amante do teatro, o profesor xa tiña unha longa traxectoria como actor en obras e incluso nunha película alternativa que foi estreada en Italia e que incluso chegou á televisión chamada La seconda ombra do director Silvano Agosti.