O ciclo "Fidelidade a unha obsesión” homenaxea ao cineasta ruso Andrei Tarkovski
Na Casa das Campás do 5 ao 9 de maio proxectarase a súa filmografía
Os amantes da gran pantalla teñen unha cita a vindeira semana na Casa das Campás coa inauguración do ciclo Fidelidade a unha obsesión, unha pequena homenaxe ao cineasta ruso Andrei Tarkovski que pretende achegar aos asistentes a complexidade da súa trama narrativa. Enmarcada dentro da programación de primavera da Vicerreitoría do campus, esta iniciativa ofrecerá cinco xornadas, do 5 ao 9 de maio, repletas de proxeccións e conferencias para afondar na obra e no estilo do autor, cinco días nos que se percorrerá a totalidade da súa filmografía da man de expertos como o profesor da Universidade Autónoma de Madrid, Miguel Angel Ramos, ou o crítico de arte e profesor na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Alberto Ruíz de Samaniego.
O programa estruturarase en sesións de mañá, onde se proxectarán as sete obras que Tarkovski rodou na súa traxectoria profesional, e en sesións de tarde, onde se afondarán nas principais técnicas que emprega nas súas películas a través das charlas Reflexo sen imaxe, Principios de exclusión e o inicio imposible, A pausa dramática de Stalker, A vida dun pintor de iconos ou Nostalxia e a paisaxe sinistra.
Andrei Tarkovski, sete obras mestras do cinema soviético
O máis famoso director soviético desde Serguéi Eisenstein, Andréi Tarkovski, é un dos máximos representantes do cine ruso con películas intensamente íntimas, ocasionalmente controvertidas e sempre fermosas en cada fotograma, polo que é considerado como un poeta da gran pantalla. Tarkovski amosábase interesado no home e na súa procura de respostas da propia vida, na decadencia da verdadeira espiritualidade na sociedade moderna e na incapacidade da humanidade para responder adecuadamente ás demandas da tecnoloxía.Interesado en ir máis aló da linguaxe cinematográfica, Tarkovski explorou novas formas de narrativa que influíron na posterior xeración de cineastas e desenvolveu unha interesante teoría á que denominou Esculpir no tempo. O mestre ruso pronto se converteu no centro de atención de todo o mundo co seu primeiro filme La infancia de Iván (1962), co que obtivo o León de Ouro do Festival de Cine de Venecia. Sen embargo, Tarkovski caeu baixo a estrita vixilancia das autoridades rusas, que temían que as súas obras non reflectiran as ideoloxías do Partido Comunista e amosasen o outro rostro do país.
En tan poucos autores se atopa tan xustificada a necesidade dunha poética como no caso do cineasta ruso Andrei Tarkovski (1932-1986), quen en tan só sete longametraxes construíu un universo trabado de imaxes referentes para toda a posterior historia do cine.