Xogos, concursos e concertos animan a festividade
Ciencias Sociais e da Comunicación celebra a súa patroa cunha festa para todo o campus
Tamén se aproveitou para entregar os premios laranxa e limón aos profesores do centro
A conta atrás rematou e este xoves, ás 12.00 horas o actor Víctor Fábregas, famoso polo seu papel de Tucho da parella cómica Os Tonechos, foi o encargado de realizar o pregón de Santa Kata’09 e inaugurar oficialmente a festa de Santa Catarina de Siena, patroa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A partir das 12.00 horas a organización abriu a barras e a xente comezou a aproximarse ao campus, ambientado con música e onde se organizaron diversos xogos e concursos. Un combinado que convertiu o campus no paraíso, tal e como anunciaba o seu lema “Sin Santa Kata no habrá paraíso”.
Tamén se entregaron Premios laranxa e limón aos profesores das tres titulacións do centro. Juan Manuel Corbacho, Ricardo García Machuca e Xosé Mahou foron elixidos como profesores máis queridos polo alumnado de Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas e Xestión e Administración Pública, respectivamente. Na outra cara da moeda, os premios limón foron para Arturo Maneiro, Mercedes Román e Carmen Ruíz Hidalgo, segundo os resultados establecidos polos votos dos estudantes.
Xogos, concursos e concertos
O bo tempo acompañou o esforzo realizado pola organización de Santa Kata’09 e permitiu que todo o campus gozase da festa. Xogos como o twister, o futbolín ou fútbol 3x3, pero tamén guerras de globos de auga e inchables que fixeron a moitos andar atrás no tempo e volver á infancia. A música é un dos pratos fortes desta festa e o baile non podía faltar, por iso, está previsto que pola tarde se realice un concurso para coroar ao rei e raíña con máis ritmo no corpo. Durante toda a tarde sucederanse os grupos de música no escenario de Santa Kata’09. A percusión inaugurará o escenario grazas ao grupo Cricket pero estilos como o indie, o rock ou o ska tamén terán o seu momento ao longo da noite.Ratas Sucias, un grupo de hip hop nado nas rúas de Pontevedra actuará a partir das oito da tarde; xa contra as nove, todos os que se acheguen ao campus poderán escoitar o trío EquilibrioH, formado por Sokez/SokeThin, Iago Santalla MC, Dj Zepo DJ e Kelloh G. Aguirre. Desde A Coruña tamén chegarán as bandas Skarallaos, que interpretará un repertorio de ska, reggae e punk, e Estraperlo. Como xa vén sendo habitual, a festa continuará pola noite en diferentes locais da cidade.