DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 30 de novembro na ETSE de Enxeñeiros de Telecomunicacións

Científicos de todo o mundo analizan nun workshop a propagación dos incendios forestais

A través de modelos matemáticos e simulacións numéricas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Romina Vázquez DUVI 29/11/2007

“O obxectivo é potenciar unha liña de investigación que polo seu valor estratéxico no contexto galego merece un alto nivel de atención pola nosa parte, posto que os incendios forestais son a ameaza de cada verán”. Con estas palabras describiu José Durany, profesor de departamento de Matemática Aplicada II, a finalidade do Workshop que se desenvolverá ata o 30 de novembro baixo o título Modelos matemáticos e simulación numérica da propagación dos incendios forestais.
Trátase dun foro de reunión a nivel mundial de científicos para “compartir experiencias e coñecer as novas liñas de traballo que se están a desenvolver nas investigacións sobre a expansión do lume”, segundo palabras de Amable Liñán, profesor da Universidade Politécnica de Madrid e Premio Príncipe de Asturias, que ademais lembra que “anos atrás xa se ten celebrado un simposio deste tipo que acadou unha elevada repercusión pola súa produtividade”.
Este workshop enmárcase, por un lado, no proxecto nacional Matemática Ingenio 2010, que reúne á maior parte dos matemáticos de España, e por outra banda, na rede Computing and Consulting de Galicia, que financiada pola Xunta de Galicia, reúne a matemáticos e informáticos entorno ó centro de supercomputación CESGA para tratar problemas industriais e medioambientais.

Integración da Universidade en redes internacionais de investigación

O vicerreitor de Investigación, Manuel Reigosa, destacou o alto nivel dos conferenciantes e a súa satisfacción co tema elixido para esta reunión. Aproveitou ademais para manifestar o seu desexo de que “os grupos de investigación da Universidade adquiran un peso cada vez maior na redes internacionais e con este obxectivo vai crear nos próximos meses a Oficina de Proxectos Internacionais”. Por último agradeceu á ETSE de Enxeñeiros de Telecomunicacións, representada neste acto polo seu subdirector Fernando Martín, a colaboración prestada e a facilidades ofrecidas para utilizar as súas instalacións.

Relatores de alto nivel

A conferencia inaugural corre a cargo de J. Vega, investigador do Centro Forestal de Lourizán experto no tema da predición da propagación dos lumes con ensaios empíricos. Outros dos científicos que tomarán parte nestas xornadas son J.W. Dold, procedente da Universidade de Manchester; J.C.F. Pereira, profesor do Instituto Superior Técnico de Lisboa; R. Weber, experto da Universidade de Camberra; D.X. Viegas, membro da Universidade de Coimbra e B. Porterie, docente da Tech. Marseille Provence, que será o encargado do pechar o simposio.