DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Representantes da organización visitaron a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat)

CIM e Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca unen forzas para impulsar a innovación no sector marisqueiro galego

Debateron sobre as necesidades desta actividade económica ás que pode dar resposta a ciencia

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Visitas
  • Visitas
DUVI 21/10/2024

Co obxectivo explorar as capacidades da ciencia para impulsar o desenvolvemento do sector marisqueiro galego, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) acolleu unha das xornadas da iniciativa Mariscadoras ConCiencia: mulleres do mar e científicas unidas polo coidado do medio mariño e dos recursos pesqueiros, que organiza a Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca (Anmupesca). Durante o evento, representantes da organización, de asociacións de mariscadoras e de confrarías visitaron as instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), pertencente ao CIM, e participaron nun debate con mulleres investigadoras do centro para establecer un diálogo necesario entre ciencia e marisqueo.

O persoal do CIM mostrou as instalacións e proxectos de investigación que se desenvolven na Ecimat e rematou cun debate centrado en como a ciencia pode apoiar a sostibilidade e competitividade do sector marisqueiro e pesqueiro, un dos piares fundamentais da economía galega. Ademais, investigadoras do CIM como Celia Olabarria, Elsa Vázquez, Elena Ojea e Estefanía Paredes presentaron as súas liñas de investigación, ofrecendo solucións aos retos do marisqueo, como a conservación de especies, a adaptación para os efectos do cambio climático e a mellora de técnicas de cultivo.

Para o director do CIM, Daniel Rey, “este encontro reforza a importancia da colaboración entre a ciencia e o sector primario, especialmente en áreas tan importantes para o futuro da economía galega como o marisqueo. Compartimos con Anmupesca o compromiso de atopar solucións innovadoras e sostibles para garantir o futuro do sector mariño en Galicia e cremos que este tipo de iniciativas son una oportunidade única para afondar nunha colaboración que pode reportar grandes avances para o sector e a ciencia mariña”.

Mariscadoras ConCiencia

O proxecto Mariscadoras ConCiencia está ao abeiro das axudas do FEMPA, Fondo Europeo Marítimo, de Pesca y de Acuicultura, co apoio do GALP Ría de Vigo – A Guarda, e ten como obxectivo principal fortalecer a transferencia de coñecementos entre o sector pesqueiro e o ámbito científico-técnico. As actividades vinculadas ao proxecto permitiron organizar visitas aos bancos marisqueiros do fondo da ría de Vigo (Redondela, Arcade e Vilaboa), onde se identificaron as inquietudes relacionadas cos cambios no medio natural, continuando con esta visita para intercambiar coñecementos e inquedanzas co persoal investigador do CIM.