Con 50 votos a favor, tres en contra e seis abstencións, nunha sesión celebrada en Pontevedra
O Claustro da Universidade de Vigo aproba unha moción de condena das accións bélicas en Gaza
O órgano deu tamén o visto e prace á creación do Instituto de Investigación Lingua
O Claustro da Universidade de Vigo aprobou este venres unha moción que condena as accións bélicas do exército israelí na franxa de Gaza e a “destrución a mantenta das universidades palestinas”, á vez que insta á institución académica a evitar “calquera forma de colaboración coas universidades israelís que practiquen o apartheid co estudantado palestino”. Presentado por doce claustrais, o texto reclama tamén que a UVigo se comprometa a destinar recursos económicos para o recibimento e protección de estudantes e persoal das universidades palestinas e foi ratificado con 50 votos a favor, tres en contra e seis abstencións.
Esta moción foi aprobada nunha sesión ordinaria que se desenvolveu no campus de Pontevedra, no edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública, na que o Claustro deu tamén o seu e visto e prace á creación do Instituto de Investigación Lingua e na que se presentou o informe da Valedoría Universitaria correspondente a 2023.
Contribuír á reconstrución das universidades palestinas
A moción que levaba por título A Universidade de Vigo por Palestina. A violencia non é o camiño para construír unha sociedade mellor foi presentada no claustro por tres dos seus autores, Xosé María Gómez Clemente, Nuria Andión e Andrés Graña. “Este texto naceu da fonda preocupación pola situación en Gaza e Cisxordania e tamén do convencemento de que esta Universidade tiña que manifestarse dalgún xeito”, sinalou Gómez Clemente. Previamente, o reitor, Manuel Reigosa, expresaba tamén a súa convicción de que a UVigo debía aprobar un manifesto e non “mirar cara outro lado”, así como o seu desexo de que este fose un texto de “consenso”, aprobado por unanimidade, algo que finalmente non sucedeu, a pesar de que os propoñentes aceptaron a supresión dun dos seus puntos despois de que varios claustrais amosasen a súa non conformidade con diferentes aspectos da moción.
O texto finalmente aprobado recolle en primeiro termo que o Claustro da Universidade de Vigo “condena explicitamente a violencia contra as persoas polas súas ideas políticas, relixión ou orixe étnica”, para logo condenar “as accións bélicas do exército israelí na franxa de Gaza, así como de todas as accións que, contra o Dereito internacional, por acción ou omisión, segue e levar a cabo o goberno de Israel nos territorios ocupados”. Nese senso, o texto sinala que Gaza atravesa “unha situación autenticamente desesperada”, con máis de 37.000 mortos, 15.500 deles nenos e nenas, máis de 10.000 persoas desaparecidas, 85.000 feridos e feridas e 2 millóns de persoas desprazadas. Por outra banda, o manifesto recolle tamén a condena “coa mesma forza e convicción, a violencia contra calquera vítima inocente desta situación, sexa quen for, violencia exercida por medio de torturas e secuestros”.
Ante esta situación, o manifesto reclama evitar “calquera forma de colaboración coas universidades israelís que practiquen o apartheid co estudantado palestino, sexan conviventes co xenocido ou contribúan ás estratexias israelís de expansión, colonización, anexión, espolio de recursos e modificación demográfica do territorio palestino ocupado, por estas prácticas seren contrarias ao Dereito Internacional”.
O texto condena tamén a destrución das universidades palestinas e os ataques ao seus estudantado e persoal, sinalando na súa exposición de motivos que “o ataque contra as institucións educativas palestinas non se debe ao azar, senón que é unha acción planificada con grande precisión, destinada a esboroar os alicerces da cultura e da sociedade palestina". Nese senso, a moción reclama que a súa reconstrución se converta “nun obxectivo estratéxico” da Universidade de Vigo, coa creación dunha comisión específica, así como destinar recursos ao recibimento e protección de estudantes e persoal universitario, solicitar que se facilite o proceso de homologación de títulos e publicar na web da institución unha “mensaxe que mostre a solidariedade con Palestina”. No referido a estes puntos, o reitor sinalou que a Universidade porá en marcha unha convocatoria de bolsas específicas para persoal procedente de Palestina e mostrou a vontade de que ferramentas como Campus Remoto poidan ser empregadas para, “no momento no que se poida”, retomar as clases nas universidades de Gaza e Cirxordania, así como de incorporar de “medidas específicas” na reformulación do Plan Estratéxico da insitución.
Elaboración dos novos estatutos e Facultade de Enfermaría
A sesión arrancou co informe do reitor, no que Reigosa informou dos traballos da comisión responsable de elaborar os novos estatutos da Universidade. “Practicamente xa rematou todos os títulos, agás ás disposicións transitorias e adicionais”, sinalou. Agora, os traballos céntranse en incorporar “as recomendacións da Secretaría Xeral e da Asesoría Xurídica” para xa en setembro definir un anteproxecto, que debera someterse a exposición pública. Tras esta, a comisión de estatutos “terá que traballar de novo con todas as emendas e suxestións que se presenten”, explicou Reigosa, que prevé que a normativa poida someterse á votación do Claustro o vindeiro curso.
Outro dos puntos abordados neste informe foi o proceso de creación da Facultade de Enfermaría, "que vai ter unha presenza igualitaria nos tres campus” e que agárdase que sexa “un referente en investigación”, sinalou Reigosa. Despois de que os diferentes órganos da Universidade aprobasen a creación deste centro, o proceso atópase agora pendente dos “convenios de desascrición” coas institucións das que dependen os centros adscritos.
Noutra orde, o reitor destacou que o equipo de goberno segue “coa folla de ruta” en materia de contratación de novo profesorado axudante doutor, xa que, sinalou, “consideramos que é a peza clave na remuda xeracional, que nos vai permitir tamén reequilibrar áreas e ámbitos”. Tras a incorporación de 30 novos docentes, lembrou que o obxectivo é alcanzar as 120 ao final do mandato, “que en parte van substituír ao profesorado que se vai xubilando”. A estas sumaríanse “un importante número de prazas adicionais”, a través do Plan Integra, que estima que se situarían en preto de 60 en seis anos e que serán financiadas polos gobernos central e autonómico. En materia de investigación, Reigosa puxo en valor a UVigo fose unha das 12 universidades epsañolas que tivo éxito no programa estatal Atrae, o que permitiu a incorporación do catedrático Carlos García de Leaniz, así como a evolución do posicionamento da institución “en distintas clasificacións internacionais” e o éxito acadado polos investigadores e investigadoras na consecución de proxectos “en varias das convocatorias máis competitivas que existen a nivel europeo”.
Outra das cuestións abordadas foron os traballos para a “redifinición da transferencia” na institución académica, coa idea de que dotala dunha “visión moito máis ampla”, que vaia máis aló dos traballo coas empresas. Este labor implicará a transformación das oficinas da universidade centradas neste eido, apuntou o reitor, que, xunto a outra serie de iniciativas impulsadas nos últimos meses, puxo en valor a colaboración coas deputacións de Pontevedra e Ourense, tras asinar recentemente un “novo financiamento para actividades relacionadas co Campus Crea, igualdade e internacionalización” coa primeira, e dous convenios por unha contía de 300.000 euros coa segunda.
Primeiro instituto de investigación no ámbito das humanidades
Preto de 40 investigadoras e investigadores integrarán o Instituto de Investigación Lingua, cuxa creación foi aprobada hoxe por asentimento dos membros do Claustro. A falta do visto e prace do Consello de Goberno e do Consello Social, a UVigo pasa así a contar co que será o seu primeiro instituto de investigación no ámbito das humanidades, “o que considero moi relevante dado que as humanidades son esenciais non só para coñecer o mundo que nos rodea, senón tamén para fomentar o pensamento e análise crítico e creativo e para a construír unha sociedade máis xusta”, asegura a vicerreitora de Investigación, Transferencia de Innovación, Belén Rubio.
O proceso de creación do instituto, que comezou a finais do ano 2021, capitaneado polo docente e investigador da FFT, Javier Pérez Guerra, culmina agora coa creación dun centro que terá o obxectivo de promover e realizar investigación en lingüística de primeiro nivel, ofrecendo infraestruturas científicas para fomentar os avances de vangarda, desenvolvendo investigación transnacional de excelencia. “A lingüística é un dos ámbitos que se atopa mellor posicionado en publicacións científicas na universidade, cun nivel comparable con outros moitos centros a nivel nacional e incluso internacional”, sinala a vicerreitora, que gaba o traballo desenvolvido por Pérez Guerra, reuníndose con persoal investigador, grupos, decanato, “ademais de elaborar a memoria e ir iniciando conciencia de instituto”.
A celebración de seminarios estables, unha serie editorial propia no Servizo de Publicacións, un foro trimestral de investigadores e actividades como o Happy Day iLingua para a sociedade e a comunidade universitaria, un elevator pitch para persoal en formación ou unha rede alumni, son algunhas das accións previstas polo instituto, que traballará cunha axenda científica con sete liñas que abranguen desde a lingüística interna e variación lingüística, á tradución e interpretación, pasando pola lingua e accesibilidade e as humanidades dixitais.
Preocupa a tendencia á alza nos expedientes tramitados pola Valedora
Neste primeiro Claustro do ano presentouse tamén o informe da Valedoría Universitaria correspondente ao ano 2023, un documento que reafirma unha tendencia á alza nos expedientes tramitados por este órgano que xa se viña amosando nos últimos anos. Así o explicou a valedora, Esther Pillado, quen fixo fincapé en que esta situación non debe levar “necesariamente” á conclusión dun aumento da conflitividade na Universidade. “Esta sería unha lectura fácil dos datos; non obstante, considero que un elemento esencial deste crecemento é a maior visibilidade da Valedoría e a confianza da comunidade universitaria neste órgano como instrumento de control”. Nesta liña, Manuel Reigosa, amosou a súa preocupación por esta tendencia, polo que indicou que “haberá que empezar a tomar algunhas medidas”, pois si ben considerou que “hai aspectos que teñen que ver coa propia crispación existente na sociedade”, admitiu que outros “poden vir derivados de cuestións que tardan en resolverse e que van xerando ruído de fondo”.
En canto ao número de expedientes tramitados pasaron de 40 no 2022 a 49 no 2023. O incremento foi máis acusado nas consultas, que se incrementaron dende 41 a 70. Segundo explicou a valedora, entre o ano 2022 e 2023 aumentaron os expedientes nun 22,5 % pero o que máis chama a atención é o incremento das consultas nun 70 % fronte o ano anterior, o que se sitúa un 12 % por encima das consultas presentadas no ano 2020, “cando xa foron moi elevadas debido á situación sanitaria provocada pola covid”.
Na distribución das reclamacións por colectivos a tendencia mantense: a maioría dos expedientes tramitados refírense ao estudantado (59 %), seguido a bastante distancia polo Persoal Docente e Investigador, PDI (25 %) e polo Persoal Técnico de Administración e Servizos, PTXAS (16 %). Con estes datos sobre a mesa, a valedora explicou ante o Claustro que “vai descendendo a porcentaxe das reclamacións presentadas polo estudantado, que era o colectivo que habitualmente se dirixía á Valedoría para presentar as súas queixas, e aumentan a porcentaxe das presentadas polo PDI e os PTXAS. Neste ano é salientable o incremento nun 8 % das queixas presentadas por este colectivo, sobre todo se temos en conta que dúas das reclamacións presentadas son colectivas, unha asinada por 15 persoas e outra por 3”, indicou a valedora.
En canto á distribución dos expedientes por campus, o comportamento é parecido ao de anos anteriores, cun claro predominio de expedientes tratados no campus de Vigo (80 %), seguido a bastante distancia polos campus de Pontevedra (12 %) e de Ourense (8 %), unha situación que a xuízo de Pillado pode deberse a un menor coñecemento da institución nestes campus, polo que se intentarán levar a cabo accións de difusión tanto en Ourense como en Pontevedra.
Balance do programa de goberno
Por sexto ano consecutivo, o reitor trasladou ao Claustro unha memoria sobre o “grao de desenvolvemento dos obxectivos previstos no programa do equipo de goberno” da institución académica, que reúne un conxunto de actuacións impulsadas desde as diferentes vicerreitorías. En primeiro termo, centrouse nas iniciativas no eido da investigación, lembrando o recoñecemento de atlanTTic, CINBIO e CIM como centros CIGUS e de Cintecx e Ecobas como centros colaborativos, na convocatoria de centros de investigación de excelencia da Xunta de Galicia. Neste mesmo eido, destacou o aumento da partida de produción científica, “tras moitos anos de conxelación”, o impulso dunha convocatoria de proxectos colaborativos coa Universidade do Minho e a “aposta pola ciencia abierta”. Reigosa destacou tamén que se continuará impulsando a universidade europea Athena, “que polo de agora non conseguiu fondos, pero si un selo de excelencia europeo”.
En materia de transferencia, destacou o impulso do doutoramento industrial e no eido de profesorado destacou que un dos “puntos clave” son as iniciativas en materia de remuda xeracional, como a contratación de incorporación axudante doutor. No referido ás infraestruturas, Reigosa destacou a construción da pasarela entre a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e atlanTTic e a licitación do concurso de proxectos para a construción da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, “do que esperamos poder comezar a obra este mesmo ano”. Reigosa lembrou tamén a creación do Centro de Posgrao e Formación Permanente, “que vai mobilizar esforzos para a formación ao longo de toda a vida”, mentres que, en materia de titulacións, sinalou que “estase traballando para a mellora dos datos de matrícula” nas titulacións de baixa demanda. Neste punto, destacou tamén a implantación o vindeiro curso do Grao en Enxeñaría de Automoción, “o primeiro totalmente dual” do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que 283 persoas elixiron como primeira opción no período de preinscrición, á vez que sinalou o obxectivo de acadar “novos títulos nos tres campus” na negociación do seguinte mapa de titulacións do SUG, aínda non iniciada. Tamén en materia de formación, subliñou o vindeiro curso deberá afrontarse “un reto importante”, como será a implantación de microcredenciais, programas formativos de curta duración dirixidos a unha poboación adulta e para os que o Estado concedeu a Galicia 2,3 millóns de euros.
O reitor detívose tamén nas accións acometidas en materia de comunicación para mellorar a “proxección nacional e internacional da UVigo” e nas iniciativas para incrementar a participación da comunidade univesitaria en actividades deportivas e promocionar o uso do idioma galego. Igualmente, puxo o foco nas medidas recollidas no plan de captación, un aspecto no que, subliñou, “hai que ser moi competitivo”, dado o descenso de mozos e mozas en idade de acceder á universidade que se prevé a partir de 2028, así como na “modernización de normativas e regulamentos” relativos ao alumnado. Do mesmo xeito, sinalou tamén á internacionalización como “a área na que seguramente precisamos facer máis esforzos por mellorar”, a pesar de que “estamos moi satisfeitos polo empurrón que supuxo o traballo realizado este ano”. Xunto a outras medidas, neste eido anunciou a futura posta en marcha dun Welcome Center internacional.
Por último, no referido aos campus de Ourense destacou a consecución da acreditación do Campus Auga “que vai mobilizar axudas moi importantes”, mentres que no caso de Pontevedra sinalou que se levaron a cabo “esforzos importantes” de cara a futura acreditación do Campus Crea, “que esperamos poder abordar dentro do mandato”. No referido a este último, destacou tamén a posta en marcha do Grao en Deseño no edificio de Benito Corbal como unha sede provisoria e anunciou que “estamos a traballar para que a solución final” sexa que poida compartir instalacións coa Facultade de Belas Artes.
Informe de transparencia
Na sesión deste venres tamén se presentou o informe anual de transparencia da UVigo, que aborda a avaliación do grao de cumprimento das obrigas de publicidade activa por parte da institución, as estatísticas relativas ao dereito de acceso e datos sobre a información consultada no Portal de transparencia.
Como explicou Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria, no ano 2023 mantense, ao igual que en anos anteriores, un alto grao de cumprimento das obrigas de publicidade activa e é unha das institucións académicas de España que máis información publica no Portal de Transparencia. No que atinxe ás solicitudes de dereito de acceso, recibíronse un total de 28, das cales 23 foron estimatorias, 2 con resolución denegatoria, 1 foi non foi admitida a trámite, 1 arquivouse e unha tivo unha estimación parcial. Con respecto aos datos do 2022 hai un descenso do número de solicitudes. En relación co tempo medio de resposta prodúcese un importante aumento no mesmo, que pasa de 21 días a 33. Por outra banda, nesta anualidade rexistráronse un total de 5 reclamacións ante Comisión de Transparencia de Galicia.
O informe tamén pon o foco no Portal de Transparencia da institución, que continuou aumentando a información dispoñible, pasando a realizar 201 actualizacións de información, 16 máis que no 2022. Tamén se observa un sostemento do número de visitas ao portal, 124.345 neste período, sendo o máis consultado o bloque UVigo en Cifras, cun total de 54.706 visitas, o 54,40 % do total.
Finalmente, o informe analiza a reputación da institución con respecto á transparencia e sinala que se mantén “unha boa posición nas clasificacións de transparencia realizadas por entidades externas”. Entre elas destaca a obtención do selo t de transparente*** no Examen de transparencia 2023, elaborado pola Fundación Haz, consolidándose a UVigo entre as máis transparentes do Estado ao acadar un grao de cumprimento do 98 %. Tamén é subliñable a posición que acada a institución no ranking Dyntra, no que en decembro de 2023 ocupaba o terceiro posto cumprindo un total de 159 indicadores de 169 posibles, o que se traduce nun grao de cumprimento do 94%.
Por último, xunto coa quenda de intervencións, a sesión completouse coa elección de representantes de diferentes colectivos na Mesa de Claustro, Consello de Goberno, Comisión de Estatutos, consellos de campus de Ourense e Pontevedra e comisión de traballo para o impulso ao manual de boas prácticas. Así mesmo, estaba tamén prevista a elección do novo presidente ou presidenta do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo (Ceuvi), que finalmente a mesa do Claustro acordou adiar ata a seguinte sesión.